Ser casta

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma Manuel Azaña, Marco Aurelio, Felipe González, Victoria Kent, Casares Quiroga, Pasionaria, Castelao, Churchill, Juan Negrín, Miterrand, Santiago Carrillo, Hillary Clinton, Jack Lang, Nelson Mandela, Salvador Allende, Konrad Adenauer, Gorbachov, Olimpia de Gouges, Fidel Castro, Rosa Luxemburgo, Benazir Butho, Isaac Rabin, Clara Campoamor, John F. Kennedy, Vladimir Lenin, Federica Montseny, Martin Luther King, e tamén Mahatma e Indira Gandhi. Así quixera ser eu.

Porque casta, o que se di casta, nunca fun, malia a contradición inherente ao meu nome. Eu quería ser unha casta desas que fan discursos de máis de 140 caracteres e logran non meter a pata. Unha casta ben pura que pasou polo cárcere para poder ter un parlamento. Quen me dera ser casta coma aqueles políticos que non eran nin funcionarios nin profesores de universidade. Casta coma os que morreron no exilio e aínda así non andaron con prédicas nin moralinas. Eu quixera ser desa caste de casta que se carga con dignidade e non con indignación.

Pero neste país no que o panorama político se parece máis a un muro de Facebook ca a unha reflexión sobre a res publica, teño difícil exercer a castidade. Confórmome con aproximacións coma escribir novelas nas que os personaxes viven máis de verdade ca algún dos castos fillos da nova política española, ai, tan dada a darme leccións desde o Parnaso. E cando deixo a pluma, tan impura como son, dou en pensar onde fomos dar para que a xente realmente crea que a esquerda está alí onde facer política é curar pombas con ás rotas, arrotar corazóns e sorprenderse de que os rivais disparen a dar. O día que volva a casta, avisen.