Operación Nécora

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Está ben que poñamos en valor a memoria. A memoria lonxana e a máis próxima, porque sen memoria non existimos, ou o que vén ser o mesmo: non temos consciencia de existir. Era o tempo das planeadoras. No fondo da ría de Vigo, perto do monte da Guía, entraban e saían unha noite si e outra tamén, dicían os mariñeiros que andaban ás nasas, sen que ninguén preguntase nin viñese a por elas, aínda que todo o mundo sabía ao que andaban. E nas puntas de Aldán, e en Ribeira, na ría de Arousa sobre todo? Puidemos acabar nunha Sicilia ou México: tempos difíciles, economías deprimidas, horizonte confuso e diñeiro fácil que todo o degrada e todo o contamina.

Lembro eu daquela (e non é invención) ao meu amigo Barreiro, profesor en Cambados, que lle chamou a atención a un mozote porque viña cando lle petaba e non prestaba interese por nada, agás revolucionar os compañeiros. O rapazolo revolvéuselle e espetoulle aquilo de: «¿Para que vou matarme a estudar? O meu pai gaña nunha noite o que vostede nun ano, e eu podo facelo tamén». Xa non era o tabaco de batea, que viña dos Estados Unidos. Era outra cousa: cabalo, hachís, cocaína? O cabalo sobre todo (a heroína) fixo estragos. Case podemos dicir que levou por diante unha xeración enteira de mozos e mozas nas rías, nos patios dos colexios, nas universidades? Os anos oitenta foron terribles.

O pasado venres cumpríronse 25 anos da operación Nécora. Da noite para a mañá, sen avisar, centos de policías se presentaron nas rías, ás ordes do xuíz Baltasar Garzón e do fiscal antidroga Javier Zaragoza, e nunha operación sen precedentes, en poucas horas, desmantelaron a principal estrutura de narcotráfico que, case que impunemente, viña operando dende o norte de Portugal á Costa da Morte: 16 primeiras detencións en Arousa e en Madrid, que abriron o portelo a outras que viñeron despois e que, pouco a pouco, foron desartellando o tráfico clandestino nas praias e os coídos. Nomes importantes, algúns da alta sociedade, con conexións de todo tipo. O macroxuízo, que se celebrou en Madrid tres anos despois, sentou no banquillo a 52 persoas, e tres de cada catro resultaron condenadas.

Foi unha operación importante. A primeira. Pero máis importante foi a mobilización da sociedade civil. Esta é a lección que deberíamos tirar da historia e que deberíamos ter presente: as mulleres, nais e avoas, como na praza de Maio de Buenos Aires, que se botaron á rúa e, sen medo ás ameazas nin á vergonza de amosar publicamente as súas traxedias (fillos, veciños, familias enteiras desfeitas), comprometéronse activamente na loita. Foi unha loita civil, que recuperou a nosa dignidade, seguramente tamén o futuro, malia que en moitos casos nunca recuperasen os seres queridos que deixaron no camiño. «Gañamos aquela batalla», recoñecen con orgullo agora, «pero non a guerra». A guerra continúa. Igual que sucede coa democracia e as liberdades, o futuro hai que conquistalo cada día, porque nada garante que, en circunstancias de depresión (que volven), as cousas non se vaian repetir.