Moscova en Madrid

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

Cando se rodou o Doutor Zhivago de David Lean na España da década de 1960 produciuse unha escena ben singular. Por esixencias do guión, unha manifestación revolucionaria tiña que percorrer unha rúa central de Moscova. A rúa reproduciuse coidadosamente con decorados no madrileño barrio de Chamartín e o Ministerio de Gobernación aprobouno. Foi así como tivo lugar a única protesta comunista, non xa autorizada, senón impulsada polo franquismo. Contábase que ao reparto de figurantes se presentaran todos os militantes clandestinos de Madrid para darse o gusto de manifestarse en plena ditadura, pero eu teño a impresión de que é só unha lenda simpática. De todos os xeitos, ao final a policía, neste caso a policía rusa, carga a cabalo e con sabre e fai unha carnizaría.

Acordeime porque este ano cúmprense os cincuenta anos da rodaxe de Doutor Zhivago. En Madrid queren conmemoralo dalgunha forma, e eu tamén quería conmemoralo dalgunha forma escribindo isto. Porque nós tamén tiñamos, na nosa familia, a nosa pequena lenda relacionada coa rodaxe da película. Dicíase que o tío Manolo, que era de Madrid, si traballara de extra en Doutor Zhivago, o que resultaba bastante crible porque tiña un certo aspecto ruso -mesmo se parecía lixeiramente a Yul Brynner-. Así que cando puxeron Doutor Zhivago na Coruña aló fomos nós desde Lugo para ver se o recoñecíamos. Mentiría se dixera que o vimos. Escena tras escena buscábamolo entre os figurantes, pero nada.

Desde entón, teño visto Doutor Zhivago moitas veces, como todo o mundo. Como sucede cos clásicos, en cada novo visionado véxolle novos defectos e acertos nos que non reparara antes. Pero os acertos son sempre máis. Tamén ao longo dos anos, sen pretendelo, por casualidade, fun visitando as localizacións daquela rodaxe de 1964 en España. De recén licenciado traballei no Museo Ferroviario da Estación de Delicias, limpando locomotoras vellas, e un garda contoume que esta fora unha das estacións que saen na película. En Salamanca, nunca ocasión, vin desde o coche a presa de Aldeadávila, e logo souben que é a que aparece ao principio e o final do filme como o paradigma dos plans quinquenais de Stalin. E noutra ocasión, en Soria, a miña amiga Carmen mostroume as paisaxes machadianas que fixeran de estepa rusa no filme. Lembraba ela ter visto de nena como os atrezzistas tiveran de botar po de mármore e sal e poñer uns enormes plásticos brancos nas montañas para que parecera que estaba nevado, porque aquel inverno do 64-65 resultou ser un dos máis calorosos que se recordan. Levoume tamén a ver a vella estación e foi algo máxico: abandonada hai xa moitos anos, envolvida en tea de arañas e conxelada no tempo, era como a casa conxelada que sae na película. «Logo, na estrea en Soria», dicíame Carmen, «todos mirábamos a ver se saiamos, e nada». Igual que o meu tío Manolo. O único que lles resultou familiar foi cando Zhivago lle mostra a Lara os Urales. «¡El Moncayo! ¡El Moncayo!», di Carmen que se puxeron a berrar todos rindo.

Así é. A neve non daba o pego e moitas das escenas sorianas houbo que repetilas logo en Finlandia. De feito, na famosa viaxe en tren que fan os protagonistas, o espectador moi observador pode distinguir os planos que se rodaron nun país e noutro fixándose no ancho de vía, que é distinto en España e en Finlandia -xa dixen que a vin moitas veces-. Carmen e os seus veciños quedaron no chan da sala de montaxe; o mesmo que, quizais, o meu tío Manolo. Así é o cinema, como a historia mesma: a maioría somos á vez figurantes e espectadores dos que se perde a memoria.