Importa cada minuto. Non tires con eles ao baúl do tempo perdido, dos amores perdidos, do silencio (onde tantas veces te sentías perdido). Cada minuto leva entre os seus dedos tres ou catro caricias por habitante, unha predicción de mar calmado e sete días por semana que non se repetirán. Cada minuto vive en ti para que ti vivas e revivas, para que avances ou retrocedas, felizmente. Cada minuto alza a bandeira da esperanza sobre a terra e levanta muros contra o desencanto, ese andazo que padecemos por culpa dos que defenden o interés privado non o público, a prebenda, e fomentan a submisión a calquera sigla: dereitas, esquerdas e centros. Cada minuto é unha posibilidade que se abre a favor dos ilusos, eses que trenzan soños contemplando as nubes ou escribindo versos de amor nas paredes en ruína de calquera cidade, con brocha gorda sentimental. Eu, de neno, quería crecer rápido e que os minutos pasasen veloces para facerme maior e poder saír, decidir, ir ou vir sen que ninguén mirase con entrecello de enfado. Agora comprendo que perdín o tempo. Hai que deixar que os minutos pasen como pasan. Ninguén pode vencer o tempo. É o exército máis temible e o único que escribe sentenzas inapelables. Cada minuto que pasa non se repetirá. Aproveita cada minuto como se fose o último. E non te deixes abatir polos minutos malos, tantos, que perseveran no seu acoso e derribo. Aguanta. Pasarán. E virán minutos iluminados de cancións felices. Pero se os malos tardan, e quedan, e non queren saír, dispón contra eles unha infantería de conxuros e poemas. Recorta esta columna, por exemplo, e repite calquera noite de lúa: cada minuto leva entre os seus dedos tres ou catro caricias. Para ti.