Cal é o valor do voto cidadán?

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

Sorprenden certas esixencias para poder acadar gobernos de coalición o vindeiro día 13 en varios concellos galegos. Imponse mesmo que renuncie tal ou cal candidato para que só así sexa posible un acordo entre formacións. Entón, cal é o valor do voto cidadán? Para que serviron eses centos, milleiros, de papeletas co nome do candidato encabezando unha lista municipal? Estou a referirme a candidatos que nin sequera están imputados en causas xudiciais. Cal é a razón argumental? Só é unha reflexión. Cada quen que peche acordos para gobernar con quen considere; un debe responsabilizarse da súa actitude diante dos seus votantes, pero conviría respectar tamén os apoios obtidos polos demais pois, en resume, detrás deses votos -duns e doutros- estamos todos. Está ben que se negocie e se busquen gobernos de coalición de dárense as circunstancias se iso supón gañar en representatividade, pero por que anular eses outros votos da xente obrigando a renunciar, sen máis, a alguén?  Non se entende.