A «crème de la crème»

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:45 h.

A visita a Galicia do Premio Nobel de Física 1997 Claude Cohen-Tannoudji puxo unha manchea de ideas científicas sobre a mesa, e tamén o exemplo francés de xestión da excelencia científica. El conseguiu acceder de mozo á elitista Escola Normal Superior de París, un centro fundado en plena Revolución Francesa para ser símbolo da meritocracia: só permite a entrada ás poucas persoas que obteñen as mellores notas nun esixente exame de ingreso. Ese alumnado, a partir dese momento, recibe un soldo e ten como profesorado aos máis destacados científicos franceses. O resultado: dese centro saíron 13 premios Nobel e, ata principios deste século, a cuarta parte do total dos gañadores da medalla Fields (o máis alto recoñecemento na matemática). Como exemplo, o do propio Cohen-Tannoudji: o seu mestre, Alfred Kastler, foi Nobel en 1966 e o seu discípulo Serge Haroche, tamén, no 2012.

Francia aplica tamén ese modelo para a formación da clase política, a través da chamada Escola Nacional da Administración, e vexan quen foron algúns dos seus antigos alumnos: Valéry Giscard d?Estaing, Jacques Chirac, François Hollande, Ségolène Royal, Laurent Fabius, Michel Rocard, Édouard Balladur, Alain Juppé, Lionel Jospin... unha elite que en Francia é coñecida como a enarquía (xogando co acrónimo ENA, co que se adoita denominar a este centro).

Concentrar aos mellores para formalos cos mellores: esa é a idea que seguen en Francia. ¿Deberíamos adoptar aquí un modelo parecido?