Cando un se encontra ás beiras do río Sar, «en las orillas del Sar», un está sempre teoricamente metido nun poema metafísico e sentimental. Pasoume a min a semana pasada, cando me tocou ir á Casa de Rosalía por uns asuntos. Non a visitaba desde que pasei de neno un longo verán en Herbón e, aínda que esta vez non puiden ver a casa porque non pasei do xardín, foi agradable volver. A mañá era fresca e cálida, os famosos paxariños piadores piaban, e había un arrecendo que era xa de verán adiantado, como sucede tantas veces nesta pequena Mesopotamia Flavia que compoñen o Sar e o Ulla.
Aproveitei para preguntar pola figueira de Rosalía, esa que menciona no décimo quinto poema de Cantares gallegos, cando para dicir que vai botar de menos Galicia laméntase de deixar atrás as «figueiriñas que prantei». Hai uns anos oíra que estaba nas últimas, a pesar dos denodados esforzos dos botánicos que se empeñaron en salvala. Dixéronme que aí seguía, pero tapada. Supuxen que volvería andar mal, e non preguntei máis.
No himno galego os protagonistas son os pinos rumorosos de Pondal, e o nacionalismo sempre se inclinou como árbore mítica pola épica do carballo. Eu, en cambio, estou con Rosalía en que, se un pensa en termos prácticos e paisanos, a humilde e foránea figueira representaría quizais mellor a idea popular dunha Arcadia galega. Non hai aldea na que non haxa polo menos unha e, como en tantas culturas, é para o home do campo unha imaxe da felicidade. Porque a figueira é unha das dúas especies arbóreas do paraíso, a que vestiu a Adán e Eva no Edén. O da parra é unha tradución errónea. É a árbore baixo a que Buda atopa a iluminación, a árbore baixo a que a Loba capitolina aleita a Rómulo e Remo, a mellor sombra que se pode encontrar en Oriente Medio, «máis fresca que a da tenda de campaña», confirmoume unha vez un beduíno.
En Galicia a sombra sobra. O que importa é máis ben o froito, que se complementa co desa outra grande árbore popular que é o castiñeiro. Os froitos da unha e da outra resumen a experiencia da vida: un é doce, o outro amargo. Mesmo se, como na propia vida, non sempre é fácil distinguilos. Meu pai contábame, por exemplo, que os cregos de Mondoñedo dábanlles figos a el e os outros nenos a cambio de que asistisen aos enterros dos soldados mortos na guerra, e que desde aquela o figo sabíalle triste. Posto que a ofensiva de Asturias foi en setembro eu deducía que aqueles figos serían os que se chaman migueliños, os últimos do ano, e que a min en cambio me fan recordar o día do meu santo.
Imaxino que a figueiriña da casa da Matanza non dará xa nada porque, como dicía, hai tempo que agoniza. As figueiras raramente viven máis de cento cincuenta anos e esta, se realmente é a que plantou a poetisa coas súas propias mans, ten que estar chegando á fin do seu periplo. O relato canónico di que Rosalía ía morrendo mentres Murguía lle lía poemas en castelán, e que xusto antes de irse pediu que lle abrisen unha ventá para ver o mar. Seguramente non se refería ao mar, que non se ve desde aí, senón á metáfora do mar. A figueiriña tamén a imaxino eu índose nese mesmo estilo romántico da época, como Violetta no acto terceiro de La Traviata: lentamente e con clase. Como a soprano, dirá: «Toma, esta é a imaxe dos meus días pasados» e secarase, e deixará de dar sombra, que é no que consiste morrer para unha árbore.
Pero, como dicía, en Galicia o importante da figueira non é a sombra senón o froito. E tamén as raíces, que nesta árbore son particularmente fondas.