Para os que non se resignan e saúdan o día convencidos, enardecidos, de cambiar o mundo. Para os que escriben «Vamos!» no medio das paredes da alma, grafiti feliz. Para os que reintentan, recuperan, repiten. Para os que soñan e fixeron de soñar unha forma de vivir, un estado de ánimo: hábito que respira cando ti respiras. Para os que nos sosteñen cando todos os fundamentos perden fundamento. Aloumiños. Porque debemos coidar a aqueles que pensan que as cousas poden ir a mellor, optimistas eufóricos alegres. Porque o mundo precisa ilusións e ilusionados. Porque si. Aloumiños. Para os que saben que só hai unha vida e fan o posible e imposible para vivila a gusto. Para os que non saben contar chistes e, porén, son especialistas en facérmonos rir. Para os que dominan a arte de querer: eses que te queren polo que ti es, non polo que debes ser. Aloumiños. Para os que se miran ao espello sen rancor. Para os que aínda len versos, pese a este tempo de prosas e prosaicos. Para os que non precisan avoa para estimularse. Para os que son «eles mesmos» e non necesitan modelos, paradigmas ou prototipos. Para os que non teñen medo a equivocarse. Para os que non teñen medo. Aloumiños. Para Abel, porque Caín foi un pobre infeliz. Para os que escoitan a Bob Dylan e non entenden a letra (pero saben que a beleza anda por alí metida). Para os que aprenderon a perdoar unha vez que foron perdoados. Para os que perseveran no oficio de perderse: desconectados. Para os que non se conforman con ser inconformistas. Para os que ven o mar no río, e viceversa. E, finalmente, para os que abrazan sen pedir ser abrazados. Vós. Para vós: convencidos, enardecidos de cambiar o mundo. Aloumiños.