Cambios si que houbo, pero o cambio queda para outro día. Claro que os houbo importantes, tal como era doado agoirar, e como xa previamos a semana pasada, e certamente ben importantes. En xeral, outra maneira, civilizada, de facer política, lonxe da barbarie cotián que nos asalta cada día e cada hora.
Pero ao partido do Goberno cústalle afacerse aos cambios que xa houbo e que van seguir, chegando a aceptar as extravagancias e pataletas da lideresa madrileña (se non as desautoriza é que as acepta), o que quere dicir que non se decata en absoluto do que sucedeu, do que está acontecendo e do que vai ocorrer. Porque esa maneira de estordegar aquela as súas propostas -tres en tres días, e ben contraditorias-, cheas de falsidades e só mirando a manterse no cargo, é o que os votos do día 24 proscribiron.
É visto que a sociedade non quere máis do mesmo, que é o que rexeitou con tanta claridade o día 24, e sentirase de novo ofendida por esa maneira de facer política, e máis agora que ten razóns para pensar que hai alternativas reais a tanta mentira, a tanta corrupción e a tanta irresponsabilidade.
Pois é ben doado chegar ao efecto oposto ao que se procura: que se procedemos como se nada tivese ocorrido, estaremos abríndolle as portas ao cambio real que moitos agardan e outros temen e que, ao mellor, os gobernantes mesmos poden estar propiciando. Algúns están moi lonxe de ter aprendido a lección.
O cambio si que pode chegar, non só coa axuda dos gobernantes, senón tamén se de aquí a final de ano as novas forzas demostran que saben facer ben as cousas, conforme ás críticas que fixeron, e que os cidadáns vexan que realmente estamos cambiando. Non teñen moito tempo para demostralo. Aproveiten ben a ocasión porque pode non teñan outra.