Ramón Piñeiro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

31 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe cúmprense cen anos do nacemento de Ramón Piñeiro nas terras de Láncara (Armea de Abaixo, Lugo). Un neno listo de aldea, o segundo de cinco irmáns, que ía buscar o correo á estación de Sarria e, con dezaseis anos, lía El Sol, o xornal que orientaba Ortega y Gasset, liberal e rexeneracionista, e que estaba subscrito a El Pueblo Gallego de Portela Valladares, onde disque se sentía interesado polos textos en galego, moi especialmente de Otero Pedrayo: «Que eu recortaba, pois reflexaba unha palpitación galeguista que me atraía irresistiblemente». Así mo contaba no ano 75 cando o fun visitar por primeira vez á casa da rúa Xelmírez 15, en Santiago de Compostela, para o meu libro Unha ducia de galegos.

Eu non coñecía a Ramón Piñeiro. Coido que foi daquela a primeira vez que falei con el. E tampouco o frecuentei moito na súa casa, á que acudían moitos dos meus amigos, aínda que si o tratei despois, na primeira etapa do Consello da Cultura Galega e nos días da Transición, cando eu exercía na infantería do xornalismo. A miña chegada ao galeguismo non veu da súa man (historia que non é para contar agora) e o meu coñecemento de Galaxia, na que todos deprendimos a ler os primeiros textos na nosa lingua, veu por Ricardo Carballo Calero na universidade, que nos explicaba o proceso de resistencia cultural na ditadura, e se acaso por Valentín Arias, xerente da editorial, que foi a quen eu lle levei o orixinal daquel libro.

Discrepamos nalgunha ocasión porque a miña xeración, coma digo, formouse noutros parámetros e supoño que tiña outras expectativas. Pero os anos van poñendo moitas cousas no seu sitio, ou relativizando as discrepancias, e dende a perspectiva do tempo debemos recoñecer que esa xeración: a de Piñeiro, Paco del Riego, Xaime Isla, Fermín Penzol, etcétera, contemplada dende a distancia foi unha xeración de xigantes. Non se me ocorre definilos doutra maneira, capaces de construír o milagre do que en gran medida somos agora.

Lembro unha cita de Ramón Piñeiro no devandito libro referida a Castelao, que seica lla escoitou no mitin ao que o de Láncara asistiu con dezasete anos en Lugo, no que falaron tamén Paz Andrade e Suárez Picallo. «Se me pedisen que pintase unha alegoría da República», seica dixo Castelao, «eu pintaría unha arboriña nova, e ao carón da arboriña unhas estacas para a protexer. O perigo está en que prendan as estacas e seque a arboriña».

Lembro esta cita de Castelao-Piñeiro coma unha metáfora da filosofía política que, na miña opinión, presidiu de sempre a actuación do intelectual galeguista. Arriscaron moito. Tiñan pouco máis de trinta anos cando deseñaron a súa propia estratexia, mesmo discrepando (eles tamén) con algunhas formulacións dos patrucios (Castelao entre eles), para construír un edificio novo, patrimonio común no que, dun xeito ou doutro, participamos todos. Hoxe poñemos unha placa coa súa memoria na rúa Xelmírez, referencia durante tantos anos da resistencia do galeguismo. Logo iremos a Padrón, a agasallar os compañeiros de Laiovento e ao amigo Miguel-Anxo Murado.