Tal día coma hoxe de 1915 viña ao mundo, en Armeá de Abaixo, Lama, Láncara, Ramón Piñeiro López. Mal sabían os pais, Salvador e Vicenta, que aquel naipelo chegaría a protagonizar importantes encrucilladas da Galicia do século XX. Sen ser labrego en stricto sensu, mantivo no carácter e na prosa a marca campesina, cousa pouco frecuente entre os principais do galeguismo político e cultural. Luis Seoane, bo amigo, distante no ideolóxico, retratouno exacto: «Tras dos ollos doentes, do amable sorriso e dun falar velaíño e calmo, escóndese o temperamento máis firme que teño coñecido». O seu labor intelectual e político segue a motivar traballos e investigacións -os máis no 2009, cando a RAG lle adicou as Letras Galegas-. Sobresae, de momento, o de Miguel Barros, Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo. De caste lonxeva -aí están os irmaus, Aníbal e Sara, que andan nos 90-, viviu 75. Lin o seu discurso A lingoaxe i as linguas en 1970, por indicación do meu profesor no instituto Santa Irene, de Vigo, X. L. Méndez Ferrín. Coñecino logo en Compostela. Nin daquela nin despois me pareceu un vello, aínda que llo chamaran. Íntegro e transmisor de confianza, valente pola forza interior, lucidísimo na análise, a súa mellor palabra era a íntima. Exacta e xusta a metáfora de Domingo García-Sabell: «Unha man furada que enriquece ós outros empobrecéndose ela mesma». Piñeiro perdura, mesmo entre os detractores, o piñeirismo non, morreu con Carlos Casares. O de agora évos outra cousa.