Que Deus nos colla confesadas

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

19 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Trece mulleres asasinadas neste ano, vítimas da violencia machista. Unhas denunciaran e outras non, algunha tiña protección e orde de afastamento e outras sufriron en silencio. Unhas eran amas de casa, con escasa instrución e outras profesionais cun traballo remunerado. Matáronas homes de todas as idades, dende os vinte aos setenta, en toda as comunidades, de todas as clases sociais. O maltratador, como a mala herba, medra en calquera parte. Engadan os datos subministrados pola Fundación ANAR: 274 rapazas chamaron para denunciar que son vítimas de violencia machista. Xa está a actuar unha xeración que pode acabar matando ás súas parellas. As conclusións son obvias. As medidas de protección a mulleres en risco de maltrato son insuficientes e ineficaces. E non hai que utilizar isto como arma política contra o partido no poder. O mal vén de lonxe. Fallou a educación infantil. Hai que formar educadores que á súa vez eduquen ben e saiban detectar os signos de violencia, hai que incrementar a presenza e as funcións dos psicólogos nos centros, deben multiplicarse as campañas contra o maltrato ata conseguir concienciar a sociedade. Os familiares, os amigos, os veciños que sospeiten de maltrato deben implicarse. Os maltratadores teñen que sentir o rexeitamento da sociedade e a ameaza dun castigo exemplar. Se non acabamos con esta peste... ¡Que Deus nos colla confesadas!