De corazón

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Non está de moda. A moda: iso que pasa de moda. Incluso afirmo, con vehemencia, que a palabra foi deturpada ata convertela en signo da mala educación e da frivolidade: o superficial marasmo da máis impúdica televisión. Chámanlles «programas do corazón» en lugar de denominalos «programas vesiculares»: de vesícula, onde se almacena a bile, o fel, substancia marrón amarela verde cloaca. Non está de moda. Pero nesta contraportada escribimos con pincel de corazón, lapis de uñas sen uñas, para convocar as alegrías que falten. O candor das cousas pequenas (esas que importan). Quizá porque de corazón un vive máis feliz cando a felicidade o permite. Quizá porque sempre hai un lugar que nos abrace. Quizá porque perden por fin as tristes bágoas tristes. De corazón son os sorrisos sinceros, non a pose político electoral: república ou reino de tantas mentiras. De corazón os lirios, o seu recendo aos mil ríos da primavera. E os bicos que dás, e os recibidos, e aqueles perdidos en calquera noite abrigados pola lúa. Seguir a ruta do corazón ilumina máis que o faro de Virxinia (Woolf), querida. Alimentalo é un acto de fe no ser humano. Decidimos con el/por el. Progresamos e crecemos porque houbo homes e mulleres que seguiron os seus pasos: intelixentemente, inventando. Este xoves invítote a procurar o camiño do corazón, de corazón. Con insistencia, arrebatadamente. Sen prudencia. Se tes que responder preguntas imposibles, ou decidir, só no corazón encontrarás resposta. Se fracasas, acode a el para que agromen pombas de vigor e tenrura. Que non proscriban o corazón. Non o consintas. Escribo de corazón por todos os que len esta columna. Por ti, cómplice. En cada letra vai a fortuna.