Propostas para o Día da Nai. Unha idea para un agasallo. E un cabreo monumental. Si. O que me entrou a min ao ver a proposta. Unha liposucción.
O que? Pero de que van?
Pois nin máis nin menos.
Xa hai unha tempada que me sinto un pouco farta de que ás mulleres se nos esixa ter os peitos grandes, as cadeiras redondeadas, o ventre plano. Unhas 90-60-90 ás que non se lles caia nada. Se somos baixiñas tamén perdemos puntos. Hai quen se anima a engadir unha melena xeitosa, unha cara bonita e que saiban ir elegantes ata para pasear o can.
Como non vou entender a toda esa xente que se opera? Por suposto que si! Porque é moi difícil non caer baixo os crueis mandatos da sociedade.
Mulleres de revista, desas que non teñen canas, nin pelos nas pernas, nin un só defecto. Esas mesmas que non son reais.
Paso de andar polo mundo cun anaco de plástico incrustado no meu corpo só para agradarlle a vista aos que veñan de fronte. O que faltaba, vaia.
Unha liposucción para as nais! Claro!
Os corpos que estiraron para levar dentro unha vida, os que aleitaron a primeira etapa dos mesmos, créanme, son fermosos. As mulleres, nais ou non, teñen as proporcións exactas para dar as apertas xustas no momento idóneo. Sen liposuccións nin próteses.
Pero diso só nos lembramos cando a amiga, a nai, a compañeira nos arrodea. Despois, seguiremos xulgando o físico das mulleres. Porque somos así. Creándolles complexos gratuitamente.
Avalíennos o sorriso, por favor. É o que acariña a alma. O que vale.