Que difícil é escarmentar en cabeza allea! Arredemo! Ás veces, mesmo semella imposible. Temos historia para encargarse de lembrar os erros alleos, así que non vaiamos caer nos mesmos! Pero non. Nós veña que dálle, testáns. Isto faise como digo eu e logo... zas! Aí os veñen, os desgustos todos.
Non lembramos o Prestige? De verdade que non? Que tipo de memoria temos? Non sei vostedes, pero cada vez que vou á praia e mancho os pés de piche, ou vexo as rochas tinxidas de negro no máis profundo das fendas... créanme que lembro o baile que fixo o buque petroleiro diante das nosas costas antes de esgazarse á metade e soltar todo o fuel polo mar adiante, matando fauna (algunha quedou extinguida), flora, plancto e medio ambiente.
O que non debeu matar foron moitas conciencias.
Si, moito Nunca Máis, moito isto non se pode permitir, moito non nos enganen dicindo «hilillos» (que me leve o demo se non se me atravesou a palabra coma unha coitelada mortal), e moito alzar flores de toxo dicindo que temos as praias e almas petroleadas e que non volveremos permitir unha aldraxe así.
E xa nos ven, case quince anos despois, ante unha traxedia ecolóxica similar. Cometemos exactamente os mesmos desacertos. Unha traxectoria errática do barco antes de tomar decisións, facéndoo máis feble e aumentando o risco de afundirse.
O home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, aínda que sexa tan grande coma para afundir petroleiros. E téñanme coidado, que seica non hai dúas sen tres...