O dereito á información

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na facultade estudamos o caso Watergate (1972): a violación nocturna das dependencias do Partido Demócrata por parte de cinco individuos, todos relacionados co servizo de intelixencia dos Estados Unidos e, segundo se demostraría despois, dirixidos e financiados polos estrategas do Partido Republicano, para espiar e manipular información dos adversarios políticos en plena campaña de reelección do presidente Nixon. O escándalo deu a volta ao mundo. Os xornalistas Carl Bernstein e Bob Wooward investigaron e perseguiron teimudamente o caso dende as páxinas do Washington Post, de primeiras mesmo coa oposición de toda a competencia (e as inseguridades lóxicas do director, Ben Bradlee, e da editora Katharine Graham), ata conseguir develar o caso, condenar os responsables e, como consecuencia política, provocar a dimisión do presidente na nación (1974).

¿A que vén a historia? A que periodicamente xorde o debate, avivado case sempre dende os ámbitos do poder, verbo das posibles lindes entre os acontecementos que se producen e a información que se revela. A responsabilidade dos xornalistas. ¿Onde reside realmente o escándalo (mesmo o delito), no acontecemento ou no feito de que se coñeza e difunda? ¿Saíu reforzado o sistema democrático USA do affaire Watergate ou quedou ferido dende aquela? Ben sabemos das limitacións da democracia, que son as da propia condición humana, mais recoñezamos que estamos diante dun dos modelos máis eficientes e estables.

O que máis me interesou sempre do caso Watergate non é tanto a teimosía dos xornalistas (e a afouteza dos editores), coma a xestión das fontes, case deberíamos dicir que a fonte básica, a famosa Gorxa Profunda (Deep Throat), na que os informadores se apoiaban para avanzar na investigación. Trinta anos despois, soubemos que se trataba dun alto funcionario da Administración, en parte resentido por algúns tratos recibidos (ou non recibidos). Pero os acontecementos eran certos, e os xornalistas (velaí o seu mérito) souberon aplicar os comprobantes necesarios, contraste de fontes, confirmación de indicios, etcétera, a metodoloxía profesional necesaria en suma para ir desenleando o nobelo, conscientes da significación do que estaban facendo.

Certo que na sociedade en que vivimos, acelerada polo desenvolvemento das novas tecnoloxías da comunicación, instaladas no ámbito persoal e doméstico, confundimos demasiadas veces información e ruído, e que na mecánica do sistema os axentes implicados utilizan todos os recursos ao servizo dos seus intereses, non sempre limpos. As fontes tamén intoxican. Así foi sempre. Mais a liberdade de información é unha conquista histórica (e inalienable) das sociedades modernas que parte dun principio fundamental: o dereito a coñecer a verdade dos feitos públicos, ou con dimensión publica, por parte da cidadanía. Sobre esta realidade constrúese a saúde da democracia. ¿De que outro xeito poderiamos exercela? Cun engadido: a necesidade dunha xustiza áxil, competente e honesta que clarifique os procesos e non os eternice.