A cifra de refuxiados no mundo acadou este ano os 50 millóns de 1945, na fin da II Guerra Mundial. Aquela terrible experiencia levou á creación do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os refuxiados (Acnur) en 1950. Volver a aquelas cifras merece pensarmos naquel pasado e neste presente. As imaxes destes días dos barcos ateigados e as dos mortos flotando non son novas, témolas visto a cotío nos últimos anos, mesmo as de mortos botados polo mar en praias cheas de bañistas deitados ao sol. As noticias e as imaxes asaltan levemente a nosa tranquilidade nunha escalada que dura xa, canto? Dúas décadas? Europa conmociónase, laméntase a súa opinión pública e as autoridades falan de reaccionar sen conseguilo nunca. Só atinan a expulsar máis e mellor aos que chegan, a blindarse máis e mellor nunha escalada desesperada para construír o muro de Adriano, a muralla chinesa, defender as Termópilas ou inventar un limes capaz de frear aos barbaros que, como estudamos na escola, sempre queren acabar con nós. A opinión pública europea reacciona de cando en vez, polo número e a súa maxia (700 mortos nun naufraxio), pola forza da imaxe. Até a próxima.
Se falamos de cifras todo adquire outra dimensión. Que significa a emigración que rexeitamos sobre o conxunto dos 500 millóns de habitantes da Unión Europea onde están algúns dos países de menor crecemento vexetativo? Os refuxiados de todo o mundo neste momento supoñen só o 10 % da poboación europea e non todos queren nin poden vir a Europa, pero sería factible unha ampla política de acollida. O ritmo xeral de inmigración viña sendo neste século de 1,5 millóns anuais pero no 2012 só o 4 % da poboación da UE eran extraeuropeos (20 millóns). Os inmigrantes ilegais interceptados nas fronteiras roldaban os 100.000, pero o ano pasado superaron os 250.000 e os inmigrantes que morreron intentando entrar até o 2013 estímanse en 23.000, no 2014 foron 3.000 e no que levamos de ano xa superan os 1.700. Das razóns da emigración non teñen que falarnos aos galegos e das do exilio a ninguén con memoria. Sabemos por que a xente emigra e por que aumentan as cifras de inmigrantes clandestinos desesperados nos últimos anos de destrución de Estados e guerra civís.
Sabemos moitas cousas, pero esquecemos as razóns que levaron á creación da Acnur despois de 1945. Non foi a guerra en si, senón o recordo dos refuxiados españois de 1939, dos alemáns e doutros países en 1945 ateigando barcos que naufragaban, da responsabilidade dos 32 países que asistiron á Conferencia de Evián sobre a emigración xudía (1938) e a conciencia de tela feito vagar de porto en porto, en barcos como o St.Louis, cando escapaba dun Holocausto que todos facilitaron por moito que lle sigamos botando a culpa aos executores nazis de Alemaña e outros países. O «drama da emigración» como lle chamamos adoito parece ter mal amaño pero só o 14 % dos europeos están en contra da inmigración. Non lle botemos a culpa á opinión pública, como fixeron en 1939, senón a quen ten na man a solución.