En Las Vegas dise con orgullo que a cidade naceu do soño dun gánster. O mafioso Bugsy Siegel ía polo deserto de Nevada no coche cando tivo unha visión milagrosa, a dunha cidade á que viría xente desde todas partes a gastar os cartos. Sempre penso que, de ser certa esa lenda, a orixe de Las Vegas sería igual que a de Santiago de Compostela, co ermitán Paio de Solovio no papel do gánster Siegel. Pero é unha simple lenda -nos dous casos-.
O que quería dicir é que é alí, en Las Vegas, onde se celebra esta madrugada o que os medios chaman «O combate do século», e que eu diría que é unha metáfora: A pelexa de boxeo entre o norteamericano Floyd Mayweather Jr. e o filipino Manny Pacquiao. Non sei se será o combate do século, porque aínda faltan oitenta e cinco anos para estarmos certos, pero desde logo é unha visión fascinante esta de dous millonarios intercambiando puñazos a razón de máis de medio millón de dólares a unidade, en presenza de dezasete mil espectadores que esperan ansiosos a que un dos dous deixe inconsciente ao outro.
Entre moitas outras virtudes, Estados Unidos é o país da sinceridade, polo que, sen ningún tipo de complexo, este espectáculo atávico está presidido polos cartos. Para a empresa calcúlanse uns beneficios de catrocentos millóns de dólares, e para a cidade de Las Vegas quizais máis de mil millóns. O 19 de abril vendíanse as últimas entradas a 1.500 dólares. Para facerse unha idea, ese mesmo día morría en Baltimore, gratis, o rapaz afroamericano Freddie Gray, e desde entón a violencia seguiu medrando alí sen que cambie o prezo. En Las Vegas, en cambio, a cotización do golpe non deixa de subir na revenda: a 4.500 dólares, a 100.000 dólares? A última cifra da que se oíu falar foi 350.000 dólares por unha entrada ao MGM Grand Garden Arena, o Circo Máximo do século XXI.
Quizais os valla. Ao mellor é certo que os «combates do século» resumen a golpes a realidade confusa de cen anos de historia. O do século pasado, o que confrontou a Muhammad Ali e George Foreman no Zaire do ditador Mobutu -o Rumble in the Jungle de 1974- resumiu bastante ben unha centuria de guerras, tiranías e conflitos raciais. Canto ao que poida dicir do noso século o combate desta noite, quen sabe? Mayweather non presume de ser boa persoa. El mesmo escolleu como alcume «Money», diñeiro. O seu historial no ring é impecable: corenta e sete combates sen unha derrota. Desgraciadamente, tamén ten un historial de probar os puños nas súas parellas, e case ningunha derrota nesa categoría tampouco -de momento só serviu unha condena de 90 días en prisión-. Manny Pacquiao, en cambio, é parlamentario en Filipinas, filántropo, e di que viu a Xesucristo nunha ocasión. Neste conflito entre o maltratador e o home espiritual alguén quere ver a enésima edición da loita entre o ben e o mal. Pero a realidade é que sería mellor velo como unha OPA hostil entre dous empresarios que, só por casualidade, resultan ser un exconvicto por violencia doméstica e un político que cambiou xa dúas veces de partido político e ten pendente un caso de evasión fiscal.
O combate do século pasado foi na selva, o deste será no deserto; en Las Vegas, a cidade eléctrica na area, o proxecto arquitectónico que o gran historiador galego-británico Felipe Fernández-Armesto describiu como «a conquista da natureza por medio do kitsch». O lugar que, culturalmente, nunca deixou de ser un deserto. A capital do xogo compulsivo, as cancións de amor de Frank Sinatra, e agora tamén da violencia mellor pagada do mundo.