Non é que Rosendo Naseiro, aquel tesoureiro de AP de 1987, cometera un erro, senón que el foi o erro, por iso penso que ven a conto neste caso parafrasear a Ortega cando falou do erro Berenguer. Referíase así Ortega á designación do xeneral Berenguer para substituír a Primo de Rivera en 1930 e auguraba que o novo ditador posto polo rei marcaba un futuro definitivo e demoledor para a monarquía polo seu significado e non polo que el fixera ou puidera facer.
Do mesmo xeito, a solución do chamado caso Naseiro hai máis de vinte anos ten un enorme significado para iluminar o que estamos coñecendo, a través dos procesos xudiciais abertos, en relación coa forma ilegal de financiamento e xestión de doazóns dalgúns partidos políticos, especialmente do PP. O asunto Naseiro, abriuse de forma casual en 1990 cando don Rosendo xa era o tesoureiro do recén creado PP e pechouse uns anos máis tarde sen consecuencias por irregularidades na instrución do sumario.
O que amosaba aquel proceso sobresido por razóns estritamente técnicas non era moi diferente do que hoxe vemos na Gürtel e nos papeis de Bárcenas. Mesmo cunha asombrosa similitude R. Naseiro tamén se converteu, coma o seu sucesor Bárcenas, en coleccionista de bodegóns do século XVII de altísimo valor de taxación. As semellanzas son tan evidentes que parecen falarnos de prácticas moi consolidadas que non se interromperon dende a década dos oitenta, máis ben foron sofisticándose e complexizándose entre o verniz das escolas de negocios e a graxa da burbulla inmobiliaria. Os nosos asombros de hoxe soan a descoñecemento interesado do que daquela foi ben público e notorio e as desculpas dalgúns voceiros populares, como Núñez Feijoo, son máis que necesarias con só ollar atrás.
A lembranza do caso Naseiro e da súa solución en falso é necesaria para clarexar tres aspectos do debate cívico e político actual. O primeiro ten que ver coa necesidade de diferenciar a verdade política da xudicial, o segundo coas responsabilidades políticas, e o terceiro co imprescindible papel dos parlamentos en democracia para indagar o funcionamento do sistema, depuralo, propor melloras e obrigar a asumir responsabilidades políticas a quen as ten.
Por contra, a solución xudicial do caso Naseiro estableceu unha verdade técnica xurídica que só con moita hipocrisía podía pasar por verdade política, pero pasou. Ninguén asumiu responsabilidades de ningún tipo nin se depuraron responsabilidades ou se modificaron as formas e normas internas de financiamento. Ningunha comisión de investigación indagou para coñecer, solucionar e mellorar o sistema de financiamento dos partidos, nin as doazóns de empresas e particulares, nin a forma de manexar o diñeiro público. Ao cabo, o de Naseiro só serviu para que outros partidos usaran o caso durante anos para agredir ao PP, porque visto o visto tampouco se aplicaron o conto.
Así foi o erro Naseiro, no que a incapacidade xudicial para condenar a evidente infracción coñecida daquela foi convertida en incapacidade política de sancionar e solucionar o perigoso disparate coñecido entón.