Xitano

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

13 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña iniciada polo Consello Estatal do Pobo Xitano para defender a súa imaxe centrouse nunha das acepcións que ten a palabra gitano no dicionario de RAE: «Que estafa u obra con engaño» na edición 22.ª, corrixida na edición actual, onde aparece «trapacero». Tamén deberían fixarse noutra das acepcións do vocábulo: «Que tiene gracia y arte para ganarse las voluntades de otros. Uso como elogio, especialmente referido a una mujer».

O problema non é o que diga o dicionario onde aparecen dous usos, un favorable e outro pexorativo, senón o que pensa e di a sociedade. Os lexicógrafos limítanse a recoller os vocábulos vixentes, non descualifican nin incitan á discriminación. O dicionario só reflicte usos lingüísticos da sociedade.

O meu pai chamábame xitana como un eloxio, equivalente a graciosa e garatuxeira. E a min ás veces sáeme chamárllelo aos meus netiños. Pero xunto a ese uso coloquial e cariñoso, en España está moi vixente o outro, contra o que protesta o pobo xitano. Iso é así porque unha gran parte da sociedade cre que non hai que fiarse dun vendedor ou un comerciante xitano: teñen fama de enganadores.

O que vai mercar e non se fía dos xitanos non mira o dicionario. O meu pai tampouco o mirou para chamarme xitana. É á sociedade a quen o pobo xitano ten que convencer dos seus valores, do seu sentido da honra, dos seus desexos de integración e da súa solidariedade co resto do país.