Proxectos de atentados

OPINIÓN

13 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É moi pouco o que se leva falado ou escrito sobre o TTP (Acordo Estratéxico Trans-Pacífico de Asociación Económica), que leva a privilexios e excepcións en favor do gran capital internacional, en detrimento de dereitos que van dende a perda de soberanía nacional a verdadeiros atentados ás liberdades.

Algo se ten falado do ataque á soberanía dos Gobernos que negocian ese documento case secreto, o que é manifesto; pero a chamada soberanía nacional é un concepto reseso, con pouca vixencia e que cede á necesidade de que, en certos casos, sexa compartida ou aínda cedida a organismos supranacionais. Non é este o caso.

Por recentes filtracións sábese que entra no proxecto outorgar aos capitais estranxeiros poderes superiores para demandar directamente aos Gobernos en tribunais extraxudiciais (!), compostos á maneira dos interesados e sen posibilidade de control, sen nin sequera a facultade de esgotar as vías previas a levar as reclamacións a eses organismos. E cren os expertos que afectará negativamente á liberdade de información, ás liberdades civís e ao acceso aos medicamentos. Proscribe calquera forma de escrutinio democrático.

Parece que EE. UU., o impulsor do TTP, en concerto coa UE, procura conter a China coa finalidade de manter a hexemonía mundial, creando unha área económica que chegaría a acadar o 60 por cento do PIB mundial e o illamento de China. Por algo o documento é secreto e se manterá clasificado ata catro anos despois da súa entrada en vigor.

Nunca atentados tan claros contra as liberdades tivemos á vista como os que en secreto proxecta este acordo. ¿Caerá a UE nesta trapela? Cos gobernantes que hoxe temos, todo é posible. Machado, unha vez máis, suxírenos que confiemos que non será verdade nada do que pensamos.