Kathleen March


Outra vez Buenos Aires. Outra vez a Galicia exterior, que malia os cegatos e os curtopracistas do negocio electoral, está viva e existe, aínda que non sempre estea ben organizada nin suficientemente atendida. A política de restrición de voto e a política de distanciamento que, en parte por razóns económicas, mais tamén por falta de visión estratéxica verbo deste capital humano (e económico) que temos ciscado polo mundo, deulle nos últimos tempos un duro golpe. ¿Do que se recuperará? Forzas internas hai. Quero pensar que vontades tamén.

Vimos de clausurar o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos, que cada tres anos se celebra nunha cidade diferente e que nesta ocasión embocou na capital do Prata: cidade que foi capital da cultura galega nunha etapa certamente decisiva da nosa historia, entre os anos 1939 e os primeiros anos da década dos 60 sobre todo. Aquí, da man dos emigrantes e os exiliados, agrupados no que entón era a concentración de galeguidade máis importante (e poderosa) do mundo, promovéronse iniciativas de todo tipo, que no ámbito da cultura, que é o que nesta ocasión nos ocupa, constitúen fitos capitais na nosa historia contemporánea. Aquí se editou unha parte moi importante da obra de Castelao, incluída Sempre en Galiza, títulos como Memorias dun neno labrego ou A esmorga, por citar casos concretos, a obra toda de Luis Seoane, o Libro dos amigos de Ramón Otero Pedrayo, os primeiros traballos de Emilio González López; obras que en Galicia non se podían publicar ou había moitas dificultades para facelo saíron dos prelos das editoras que aquí se crearon: os tres volumes da Historia de Galicia de 1963, que dirixiu Otero, obras de Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor, Neira Vilas, Ramón Valenzuela, Emilio Pita, Manuel María, Fernández del Riego, Valentín Paz-Andrade, Isaac Díaz Pardo, Alberto Vilanova, Antonio Pérez Prado?

No acto de clausura falou Kathleen March, catedrática da universidade de Maine (EE.UU.) e primeira presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, entidade convocante destes congresos, a través da cal se relacionan estudosos da nosa lingua e da nosa literatura (tamén da nosa cultura en xeral) procedentes de todas partes do mundo. Kathleen lembrou emocionada o primeiro encontro de 1985, dedicado a Rosalía de Castro, ao que asistiron non máis de dúas ducias de persoas. Nesta ocasión había máis de 200 inscritas, a meirande deles e delas moi novos, con intervencións atinadas e de esixente nivel académico. E lembrou Kathleen asemade a súa primeira viaxe a Galicia en 1979, cunha bolsa do programa Fulbright. Viña preparar un proxecto académico arredor de Gerardo Diego e prendeu en Manuel Antonio. Dende entón xa nunca nos deixou. Hai outros, por suposto: John Rutherford, Craig Paterson, Dieter Kremer? Moitos non galegos e algúns fillos ou netos de galegos xa nacidos e criados no exterior, tal é o caso de Débora Campos, presidenta responsable do congreso que agora clausuramos. Dentro de tres anos, en Madrid, con Carmen Mejía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos

Kathleen March