Quizá sempre teñas un lugar onde volver. Unha pel, uns labios. Oxalá o mundo estea equivocado e a alegría non teña fin. Oxalá a felicidade exista máis alá dos minutos e as horas felices. Oxalá alguén espere por ti, cada día. E que teñas alguén a quen dicirlle que morres por abrazala, abrazalo. Qué sería da vida sen amor. E do amor sen amantes perdidos, enardecidos, primaveralmente falando. Entre nós. Caladamente. Secretamente. Esta columna que enviaremos para celebrar que abril está aquí. Chegou espido e pleno de frío, para que ti o abrigues. Abril é un mes concupiscente, cínico en ocasións. Promete máis do que ofrece. Pero convén poñerlle boa cara. Recibilo con fervorosa alegría. Contarlle cousas que a ninguén contarías e escribir na cortiza dos árbores, con tinta de calamar, algún poema de amor para tempos difíciles. Abril estará contigo se ti queres estar con el. Non peches as túas portas, quero dicir que non peches o teu adentro. Intenta novas aventuras. Invéntate un lugar onde ir (porque ás veces importa máis o futuro que calquera presente). Reinvéntate. Reset. Reinicio. Preme a tecla da esperanza. Baila. E se non podes bailar, debuxa un mínimo sorriso nos teus labios. Mírate ao espello. Así. Agora un abrazo. Quererte a ti e querer aos outros. Ou ao revés. Pasou o peor, o negror de novembro/febreiro, os días de néboa navalla cristal roedor. Por diante, un camiño de pombas e trigo. Ou similar. A primavera rematará, pero tamén rematou a feroz loba invernía. Levántate e tápate con abril. Abrileando, xerundio inventivo. Neoloxismo que me permito para que non caiba nesta columna un ápice de tristeza. Abrileando, abrileando. Digo vivir. Para que vivas, amiga/amigo.