Emigrar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

05 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Para todo hai que valer. Para emigrar, especialmente. Eu souben hai moito tempo que non sería a miña especialidade. Nunha reunión do colexio, un traballador pouco maior ca min, que gozaba dun bo posto laboral e soldo, soltou unha bomba que me estoupou no nariz. Se hai que coller as maletas, cóllense, e vaise fóra. Treméronme as pernas.

Así de sinxelo o vía el, sabedor de que non lle facía falla. Eu non tiña traballo, e pola cabeza comezaron a pasarme todas as necesidades que iso me creaba. Na listaxe das miñas opcións, emigrar estaba de última. Por iso admiro a todos aqueles que foron quen de marchar, e tamén a todos os que decidiron quedar. Ambas decisións teñen moito de dor.

Para ambas, carencias importantes. Afectivas ou económicas. O traballo e os cartos son necesarios, pero non curan todo. David Cal, deportista de éxito, dixo adeus á súa carreira profesional estes días. Enténdoo. De neno, toleaba por avanzar na auga sobre unha piragua. Cumpriu o seu soño de chegar ben lonxe con ela. E aínda así, pesou máis o corazón.

Ao meu ver, faino máis grande. Ás veces, cando alguén consegue vivir do que lle gusta, restámoslle mérito, coma se iso o fixese menos responsable ou sacrificado.

Neste caso, o esforzo feito por David foi inmenso. Adestrou duramente, con rigor. Sufriu moito fisicamente, e tamén mentalmente. Agora sabemos que a distancia dos seus, e do seu, pesaban coma unha lousa. Merece o noso recoñecemento, e o descanso.

Por todo isto, grazas, David.