A cabeza de Goya

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

España non tivo nunca moita sorte -ou non tivo moito coidado- cos despoxos mortais dos seus grandes homes e mulleres. Os de Colón deron tantas voltas que ao final había dous xogos de ósos dun lado e outro do Atlántico -aínda que parece ser que os verdadeiros serían os que descansan en Sevilla-. Cos de Cervantes xa se viu o que pasou, e os de Velázquez perdéronse cando se derrubou a igrexa de San Juan Bautista e ninguén se preocupou da tumba do pintor, que estaba alí. Logo fíxose un aparcadoiro e xa non apareceu nada -o monumento que sinala o lugar do seu enterramento está colocado ao azar-. Queda, en cambio, un recordo de Velázquez que eu penso que é moito mellor que os ósos: as marcas dos seus dedos nos lenzos nos que pintaba. Temos a súa pegada dactilar. O caso de Goya é máis estraño, e agora que apareceron -máis ou menos- os ósos de Cervantes quizais chegou o momento de preocuparse polos do pintor aragonés, ou máis concretamente pola súa cabeza, que leva desaparecida moitos anos e que eu sospeito que pode estar en Ribadeo.

Como se sabe, o pintor morreu no exilio en Francia, na cidade de Bordeos. O desinterese en España era tal que ninguén sabía sequera onde estaba a súa tumba ata que un cónsul español a encontrou por casualidade medio século despois cando lle ía levar flores á súa muller, que estaba enterrada no mesmo camposanto. Joaquín Pereyra, que así se chamaba o cónsul, conseguiu permiso para abrir a cripta e foi entón cando se decatou de que o cadáver estaba incompleto. Alí estaba a gorra marrón coa que o pintor se retratara a si mesmo, ou restos dela, pero non a cabeza que ía debaixo.

A partir de aquí, teorías. Unha sostén que Goya lle puido regalar a cabeza -antes de morrer, enténdese- a un amigo para que a estudase. Estaban entón de moda as análises frenolóxicas do doutor Gall. Outra tese supón, en cambio, que un estudante de Medicina español roubou o cranio, quizais por encargo do ilustre pintor asturiano Dionisio de Fierros. Este ten, en efecto, un cadro bastante explícito titulado El cráneo de Goya pintado por Fierros en 1849. A lenda di que Fierros utilizaba a caveira como lanterna, o que nesa época de romanticismo macabro non é inverosímil de todo. Outra lenda di que llo deixara ao seu fillo Nicolás, e aquí a historia toma tres rumbos, ningún dos tres moi convincente. Nunha versión, Nicolás, que estudaba Medicina, destruíra o cranio facendo un experimento sobre a expansión dos gases -para ser máis exactos, enchéraa de garavanzos e puxéraa a cocer-. Noutra versión, Nicolás dálla a comer a un mastín que o perseguía por Salamanca. Mellor esta, sería un final moi goyesco. Pero unha terceira versión dicía que a cabeza, ou polo menos o óso frontal, pasara a mans do seu sobriño, o xa desaparecido crítico literario ribadense Dionisio Gamallo Fierros.

Hai xa bastantes anos coñecín a Gamallo. Unha noite, no Café do Centro en Lugo estábanos a detallar o certificado de defunción de Rosalía de Castro, que el estudara a fondo como erudito rosaliano que era. Descubrira a que cheiraba o último alento da poetisa de Padrón. «Ulía a augardente», sentenciou, para aclarar de inmediato: «Usábase como analxésico?». Entón aproveitei para preguntarlle pola cabeza de Goya. Era verdade o que se contaba do seu tío avó e o seu tío? Cal era a hipótese correcta? A do cocido ou a do can? Gamallo respondeu con evasivas ou con bromas, ou non respondeu, non me lembro ben, pero sei que non aclarou o misterio. Entón espeteille: «E non a terá vostede aínda?». E sorriu. Quen sabe o quere dicir un sorriso.