Sempre me gustaron os números. E as letras. Gustaba dos problemas de lóxica en filosofía, e loitaba por cadrar os resultados con todos os decimais en física ou matemáticas. Traballaba nos comentarios de texto con rigor, buscando o significado dos silencios entre as palabras. Aínda así, algo se me perdeu polo camiño. Douscentos non pode ser igual a quince. Iso era unha verdade absoluta cando comezaba a cursar a xa esquecida EXB. Imposible.
Lembro perfectamente aquilo de que o cero non ten valor agás cando vai á dereita. Así que 200 non é 2, nin moito menos. Aínda que se trabucasen na colocación dos díxitos, dous tampouco é a nena bonita... Algo está a fallar estrepitosamente. 200 non ten nada en común con 15.
Como pode ser, daquela, que unha condena de douscentos anos de cárcere (douscentos!, que se di axiña, pero non se cumpre á lixeira) poida quedar tan só en quince, antes de comezar a cumprila? Deixando a parte o da idoneidade da pena, que todas as comparacións son odiosas, ou iso din,... insisto, como pode ser? Que clase de Xustiza temos, que equipara 200 a 15? Calquera neno de primaria levaría as mans á cabeza se lle propoñemos o símil.
Serei sincera. Prefiro que lle impoñan quince anos, e os cumpra, a que nos fagan a ilusión dos 200 e logo sexan pouco máis dunha ducia.
200 = 15 é algo que non logro comprender, nin a través dos números, nin por moita literatura que lle engadan. Pregúntome se realmente a nosa Xustiza ten algo de xuízo, entendendo por este o sentido común.