Andaba aburrido cando me chegou un e-mail que anunciaba qué ás oito da noite actuaba en Lubbock, Texas, Carlos Núñez. O xenial musico chegara de Vigo para iniciar en Albuquerque, capital do estado de New Mexico, unha xira por Estados Unidos. Nunca tal se vira en West Texas, o Carlos tocando a gaita e falándolle aos cowboys de Galicia. A sorpresa foi maiúscula cando aprendo que unha das maiores especialistas mundiais no xoglar galego Martin Codax é Connie Scarborough, catedrática de Español na Texas Tech University. Non parei de botar aturuxos, e por dúas marabillosas horas os South Plains covertéronse nas fragas do Eume, e o Castro County do Llano Estacado no monte Aloia.
No grupo do Carlos chamaba a atención unha rapaza nova, guapa, xeitosa, artista. Pregunteille se era de Vigo e dixo: non, da Costa de Morte. Pregunteille se era de Camariñas ou Muxía, e dixo: de Laxe; logo engadiu: teño un grupo no que toco con dous rapaces de Camariñas, os fillos do Argentino. Entroume a risa, xa que cando eu fun novo teño saído co Argentino, Pepe Pixina e meu primo Suso de Manola nas festas de Camariñas, Xaviña, A Ponte do Porto e Camelle. Antía Ameixeiras alegroume a semana, non por guapa, que é moito, senón por ver nela a eses rapaces nosos que aínda que veñan torcidas non hai quen os achante e aquí se presentan, onte en Albuquerque, hoxe na fronteira do Oeste de Texas, e mañá en calquera lugar dos Estados Unidos, co seu violín, amosando profesionalidade, saber e simpatía, levantando dos asentos e facendo bailar aos texanos.
Antía, da Costa da Morte, recordoume de que estamos feitos os galegos, de granito, esa pedra eterna por dura, pedra fiable, acolledora, paciente e discreta, pedra que aguanta todo, os temporais da Costa da Morte, a chuvia de Santiago, o sol do Carballiño, a pedra que, traballada, convértese en cidade universal, pedra dos castros, a que acolle familias e vacas, a pedra de lavar a roupa no río, a das pontes e das fontes, a pedra dos camiños, a que separa leiras e que une veciños nas igrexas, a pedra de hórreos, cruceiros e santos, a pedra na que na Galicia descansamos para sempre. Vendo a Antía, da Costa da Morte, a súa arte, a súa simpatía, as ganas de aprender, as ganas de triunfar, sabendo que é granítica, xa quedei tranquilo, xa temos futuro.