Vellos mestres


Houbo uns anos, entre 1941 e 1958, no que Vigo era a capital do Far West. Non tanto na súa condición de California atlántica, tal que a denominaban algunhas crónicas da época, porta das Américas para tantos emigrantes de dentro e fóra de Galicia que saían dos seus peiraos na procura doutros horizontes, como na súa condición de capital dunha certa produción editorial especializada: as noveliñas populares do Oeste, que por aquelas datas editaba no seu establecemento da rúa Elduayen o libreiro Eugenio Barreiros López, e que moi axiña escomenzou a distribuir por toda España.

A empresa que promovía as tales noveliñas, hoxe pequenos tesouros de bibliófilo, chamábase Editorial Cies, e unha parte importante da súa produción viña do talento (e da necesidade) dun antigo oficial do exército republicano recén saído da cadea despois da guerra civil, Marcial Lafuente Estefanía (1903-1984), sen dúbida o autor máis representativo do xénero. Ata 1951 sobre todo, data en que o señor Estefanía traslada o seu domicilio a Madrid, engaiolado por outras ofertas da competencia, Vigo foi a capital da novela popular do Far West, como gustaba dicir Francisco Fernández del Riego cando falabamos destas cousas. Aínda hai pouco que se presentou un interesantísimo documental dirixido por José Ballesta, Marcial Lafuente Estefanía. Galicia máis oeste que nunca, no que se fai reconto dalgúns destes personaxes e da época dos anos 40 e 50 na capital galega. Mesmo Corín Tellado, a popular autora de noveliñas románticas, publicou os seus primeiros traballos na editorial do señor Barreiros.

Na crónica da edición galega cómpre recuperar tamén estas experiencias, certamente singulares. Disque o señor Barreiros, logo que perdeu o seu principal autor, cerrou o negocio editorial (1958), ou deixouno esmorecer, non sei. Pero pasa ben do milleiro o número de títulos do seu catálogo, que logo foi recuperado por Editorial Bruguera, e a produción dos autores, que se pagaba a tanto alzado, saía a medio libro por semana, con tiraxes que, entre primeiras edicións e rimpresións, nalgúns casos rebordaron os 50 mil exemplares. Vén de falecer estes días en Barcelona, Fernando González Ledesma (1927-2015), outro clásico do xénero (Silver Kane). Xunto con Lafuente Estefanía, José Mallorquí e Corín Tellado, quizais algo menos Lozano Rico (que asinaba como Carlos de Santander) e Miguel Oliveros (Keith Luger), foron os grandes autores da nosa precaria adolescencia: moito antes de que un libreiro de Pontevedra puxese nas miñas máns a Sonata de Outono de Ramón María del Valle-Ínclán, que certamente me deixou desaquelado, e bastante antes de que o meu pai me dixese que para escribir do Oeste tamén había un tal Zane Grey, ainda que mellor fora que aproveitase o tempo ocupándome dos libros de texto e que me deixase de andrómenas.

Ollados aqueles libriños dende a distancia, non sen certa inxenuidade, con eles deprendemos a ler. Por dous reás no chambo de San Domingos levabas o mundo para casa de fin de semana. A min, o que máis me gustaba era Keith Luger.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos

Vellos mestres