O momento

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

O pasado deixou de existir. O futuro non existe. Queda para ti o momento, este. Nada peor que unha vida non vivida. Nada más nimio que o paso do tempo sen emocionarte, sentir e sentirte, amar e amarte. Non perdas a oportunidade de: respirar, levantarte, gozar o vento na túa pel descalza, chuvias e soles, mar, area, verdes e verdores. O momento é o que importa. Ou para dicilo con maior pericia: só importa o momento. Cada abrazo perdido é unha cicatriz que non ha de abandonarte. Cada sorriso non dado, unha derrota. Pero o pasado, pasado. E o que veña, virá. Creo que ese é un labor primordial para ti, nós, todos: non permitir que os pretéritos e porvires apaguen o ánimo, ou sexa, a alma. Goza do momento. Sei que parece un tópico, porque escoitamos esta certeza por todas partes, sempre, eternamente: unha consigna que, como todas as consignas, de tanto repetirse parece mentira. Pero pese a todo, os tópicos e reiteracións, debemos pensar que esta sentenza é proteica e impulso para os días todos. Aproveita o tempo. Carpe diem, aseverou Horacio. O río que pasa non será sempre o mesmo río. E ti vas dentro. Ti non es agora o mesmo que eras onte. E mañá volverás cambiar, mudar de funda. Só queda, intimamente, o momento. Perder o momento é perder. E ganalo, ganar. A vida, aínda que non o pareza, edifícase momento a momento. É a súa suma perfecta. Quen vive agora outorga un sentido á existencia. Quen deixa de facelo, arrebátalle toda causa ou razón. Pido para ti momentos felices, que perduren. E que as horas infaustas non regresen. Que sexan curtas como os días de san Xoán, que agarda por ti á volta de calquera recanto. Pasou o peor. Quedan todas as primaveras. Quero dicir e digo, o momento.