Un río é unha boa idea, unha máquina simple que transforma a meteoroloxía en agricultura. Tamén é unha metáfora da existencia humana, e por iso inspira algo atávico en nós. Sempre se citan os solemnes octosílabos con versos de pé quebrado de Jorge Manrique -«Nuestras vidas son los ríos que van a dar en la mar, que es el morir»-, mais eu, en materia de filósofos de ríos, prefiro ao hoxe algo esquecido Atahualpa Yupanqui. «Tú que puedes, vuélvete, me dijo el río llorando...», cantaba.
Ese respecto atávico polos ríos aínda estaba presente nunha forma sutil cando eu era neno: os seus nomes eran a única cousa, xunto coa táboa de multiplicar e as oracións do catecismo, que tiñamos que saber de memoria nunha orde determinada. Aínda se fai, pero nós tiñamos que cantalos coma se fose a lotaría. Aínda os sei: Obi, Yenisei e Lena; Amur Huang-ho e Yang-Tse-Kiang; Bramaputra, Ganges e Indo... Dos da Península Ibérica recitabamos os afluentes principais e os puntos polos que pasaban. Serviume esta semana para ir anticipándome ás noticias da riada do Ebro: Logroño, Castejón, Tudela, Zaragoza, Tortosa... A do río é a única catástrofe natural que ten forma de ladaíña. Sábese o que vai suceder e en que orde. O terremoto, como o de hai unha semana, é un instante conxelado no tempo. A crecida dun río da envergadura do Ebro, en cambio, é unha ameaza que se vai cumprindo lentamente, inexorable, sen que se poida facer nada para parala. Como unha serpe que se desenrosca, ía baixando o Ebro. Como o río que cantaba Atahualpa Yupanqui, quere ser lagoa.
Historicamente, para controlar o poder do río, tense feito de todo, desde sacrificios humanos ao lanzamento de exvotos. Téñense zarandeado santos, pronunciado pregarias, celebrado procesións, edificado encoros, barreiras, canais.... Da escasa utilidade de todas estas cousas son testemuño esas marcas que hai en moitas vilas do val do Ebro que indican a altura á que chegou a auga un ano determinado e que están a medio camiño entre a admiración e o trauma. Esas marcas, non obstante, non son nada comparadas coas outras, moito máis visibles, que hai por toda a paisaxe. Porque toda a val do Ebro esculpiuna o río, ao longo de millóns de anos. O único que fai de vez en cando e volver a percorrer camiños que xa coñece.
É difícil de aceptar, á vista de tanto estrago, pero a realidade é que a inundación recorrente forma parte da natureza de ribeiras como a do Ebro e é indispensable para mantelo con vida: as medras dilúen as toxinas e melloran a calidade da auga, arrancan as algas, controlan a poboación de insectos, osixenan os fondos ao removeren os sedimentos. Son as crecidas as que crearon o Delta en forma de punta de estilográfica, con todas as súas terras fértiles. Nin é o noso aliado nin o noso inimigo. Simplemente, como sempre sucede con toda a natureza, o Ebro ignóranos.
Hoxe en vez da maxia temos a política, que simplemente é outra taumaturxia. Afortunadamente, xa non se practica o sacrificio humano, pero si o político. Non se zarandea o santo pero zarandéase o coche do presidente da confederación hidrográfica. As promesas dos responsables públicos son tamén como pregarias: a repetición dun son tranquilizador. As mesmas propostas e ideas aparecen despois de cada riada: o dragado inútil, o transvase imposible, as infraestruturas que protexen pero atraen máis xente ás áreas inundables. Tanto ten. Non se pode prometer que un río non será río, porque ao final é exactamente como o imaxinaba Atahualpa Yupanqui: un ser vivo que non ten volta atrás.