Nesta época os casos de corrupción reais (Bárcenas), inventados (Errejón) ou agochados (Códice Calixtino) teñen que entenderse en conxunto. Como aprezo os intentos de Podemos por renovar discursos, prácticas, métodos e comportamentos políticos paréceme importante poñer toda a luz posible nesta trécola. As merecidas críticas que Monedero recibe mais a sobreactuación dos partidos do sistema agochan porén críticas que non se lle fan pero que merece e son aínda ben máis pertinentes. Porque un profesor funcionario público en exclusiva non pode contratar sen permiso da súa universidade como se tivese aberto un despacho privado de consultor, tampouco montar unha empresa máis que en condicións reguladas pola LOU e o Consello de goberno da súa universidade. Pode cobrar, por suposto, en virtude da súa actividade intelectual, da súa investigación contratada e mesmo de empresas coa debida compatibilidade, pero nunca máis de 1,5 o soldo anual máximo dun profesor.
O que non lle critican a Monedero é o realmente importante. Non houbo fraude á Facenda... corrixida de tela habido, nin sombra de financiación ilegal dun partido inexistente daquela. Trátase de que un profesor e investigador universitario, funcionario público, burlou as vías normativas para contratar un traballo externo. Fíxoo rematadamente mal. Non creou unha empresa, como desenvolvemento da súa actividade investigadora, seguindo as normas que o regulan dende a vella LRU á LOU actual; tampouco pediu compatibilidade para participar nunha empresa. Non conveniou a través da súa OTRI (Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación) e iso é ruinoso para a Universidade e aínda para el. Para a universidade porque non detrae os custes indirectos (a fiscalidade interna) derivados do traballo dun investigador universitario que como Monedero emprega medios da súa universidade (informáticos, bibliotecas, despachos) polos que esta adoitan detraerlle entre un 15 e un 25%, segundo as universidades. Para el porque a Universidade ten unha fiscalidade diferente á mercantil e todos os pagos están regulados, intervidos, conveniados ou nun estatus especial (profesores vinculados de ciencias da saúde). Pero nunca podería cobrar 7 veces o salario anual dun catedrático.
O erro foi manifesto. O seu contrato de investigación paranormativo tivo como contrapartida un pago voluminosísimo a unha soa persoa sen equipa, contratados de investigación, gastos de mantemento, funxibles, dietas de desprazamento... Nada importa aquí se o cobrou ou o destinou a unha empresa de comunicación emerxente (o dos fins sociais é un conto). Importa que se trata dunha figura política emerxente que co seu comportamento levará a muitos a volver pensar como os nosos vellos que «á feira sempre é mellor ir cun ladrón que cun burro». Asombra o que tardou en saír este asunto, con toda a dereita levantando alfombras. Témome que iso indica que na súa universidade o proceder de Monedero non debe ser infrecuente como non o é tampouco nas facultades chamadas profesionais. Indigna que saíra como parece a través dun uso partidista do Ministerio de Facenda pero máis aínda que Podemos non renovara tamén nestas trécolas e asombra quen podían criticalo, fora da casta, non o fagan.