Arqueoloxía do euro

Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

14 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Estudando coidadosamente as moedas que aparecen nas escavacións, o seu lugar, número e procedencia, os arqueólogos poden descubrir moitas cousas sobre o pasado. Polas moedas que se lles caían do peto aos espectadores dos xogos de Nemea, na antiga Grecia, sabemos que sentaban no estadio por cidades e de onde viñan. Sabemos, por poñer outro caso, que o faraón Tolomeo III de Exipto financiou a guerra no Peloponeso porque as súas moedas aparecen sospeitosamente na zona cando empeza o conflito. Da mesma maneira, aínda que un cataclismo destrúa o mundo, os arqueólogos doutras galaxias que veñan escavar á Terra terán polo menos unha idea aproximada do que foi a Unión Europea. Mesmo se non chegan a descifrar ningún dos nosos idiomas abondaralles con observar as moedas que vaian aparecendo.

Non lles pasará desapercibido que na zona máis rica do planeta, en torno ao ano 2000, desaparecen de repente as moedas locais e aparece unha nova moeda común. Posto que non se atoparán restos significativos de destrución no mesmo estrato, deducirase que esta unión entre países foi voluntaria, e posto que o deseño das distintas moedas é uniforme imaxinarán que foi ademais unha unión igualitaria. Tamén chegarán á conclusión de que a reforma monetaria resultou un éxito, en vista de que se foi estendendo a máis países. Esta será, en principio, a hipótese convencional que se aprenda nas universidades.

Pero pode suceder tamén, como pasa tantas veces na arqueoloxía, que, co tempo, unha nova xeración de estudosos repase o rexistro das escavacións e acabe por sacar conclusións distintas, mesmo opostas. Aínda aceptando que a unión monetaria puido ser pacífica, xurdirá a sospeita de se foi quizais tan libre. A continuidade dos símbolos e as denominacións pode significar tamén que a moeda única era un proxecto das elites, e a persistencia de efixies de determinados políticos -Juan Carlos de España, Alberto II de Bélxica, Beatriz de Holanda- dará argumentos aos historiadores que pensen que aquela unión económica non era no fondo tan democrática. Sobre todo, ao completar un estudo cuantitativo do material por rexións descubrirase que as moedas con símbolos dun só país -que quizais non saiban que se chamaba Alemaña- aparecen de forma desproporcionada en todos os países. Intrigaralles en particular a concentración de euros coa aguia xermana na costa dos países das tres penínsulas do sur -que quizais non saiban que se chamaban Portugal, España, Italia e Grecia-, e a case total ausencia de euros desoutros países en Alemaña. Pronunciaranse distintas teorías ao respecto: unha fuga masiva de xentes do norte en busca dun clima litoral máis benigno, unha colonización feudal, un desequilibro extremo entre países exportadores e importadores... Como sempre, as varias teorías acertarán e equivocaranse á vez. Alguén proporá, por exemplo, que a capital daquel Estado multinacional se atopaba en Bruxelas, dada a presenza dunha variedade inusual de moedas nun espazo moi reducido. Pero, polo mesmo razoamento, pode que ao final se impoña o consenso de que capital estaba en Disneyland-París.

Por suposto, todo isto son conxecturas, porque a clave do que pensarán os arqueólogos do futuro sobre o euro está no que apareza nos estratos superiores. Se os arqueólogos ven que o euro desaparece e volven as antigas moedas cos seus símbolos e linguas non vai ser fácil para eles decidir que é o que pasou, se foi unha catástrofe ou unha liberación. A discusión nas universidades pode durar décadas sen que se chegue a unha conclusión satisfactoria.