Pactos si, pero non sempre

La Voz SOLEIRA

OPINIÓN

O pacto antiterrorista entre o PP e o PSOE divide, e ás veces con visceralidade, aos que o festexan e aos que o rexeitan. Para estes é un pacto innecesario, que só beneficia aos primeiros e non aos seguidores da segunda opción, e para aqueles sería un exemplo de unidade diante do terror e de sentido do Estado.

O pacto é innecesario, non só pola maioría absoluta que hoxe ten un dos asinantes, senón tamén porque en calquera caso contaría sempre nesa materia co apoio da oposición, como demostra o pasado recente, ou non opoñéndose ás medidas que se acorden. Certamente, ten moi escaso contido práctico máis alá de saír na foto. E cualificalo como pacto de Estado non pasa de ser unha pobre babecada.

Non parece que poida beneficiar moito ao, por agora, principal partido da oposición: verse envolto, por máis que o neguen e sosteñan que a revogarán cando poidan facelo, na revirada prisión permanente revisable, non pode favorecer a un partido democrático e progresista como foi, e xa non é ou non o parece, o PSOE. Non é nada fácil explicarlle á xente a necesidade de semellante pacto.

Pero o maior gravidade da actuación do máximo dirixente do PSOE está nas declaracións que fixo a seguido de ter asinado ese pacto, ao adscribirse á propaganda gobernamental sobre unha bonanza económica que afecta aos que máis teñen e non aos que menos, o que pode deixar moi mal parado a un partido que tantas dificultades está tendo.

Un non pode menos que sacar unha pobre imaxe do actual secretario xeral do PSOE. Asombra que se apunte ao pacto polo pacto no momento menos oportuno, cando non tiña necesidade de facelo e, sobre todo, manifestándose en contra dos intereses da maioría dos seus votantes. Supoño que estes lle van pasar factura. Por inxenuo.