Aquí

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

05 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquí, agora, hoxe. É o teu momento. Non agardes máis. Non perdas o tempo facendo o que non queres facer: esas ataduras cotiás innecesarias. Non esteas con quen non queres estar: esa xente vampírica e tóxica que zuga do teu sangue, que te contamina. Non camiñes onde os demais decidan: vai cos teus pés, libremente, onde os teus pés te leven. E non teñas medo a perderte no camiño. En ocasións é preciso perderse para encontrar novas rutas, camiños, sendas de gloria ou perdición. Quen coñece o fracaso expulsa o medo. Quen coñece o fracaso sabe que o único fracaso é non ser feliz. Aquí, agora, hoxe. Comeza a pintar en cor viva as liñas do teu presente. O teu futuro. Soña. Porque se es incapaz de soñar nunca se cumprirán os teus soños. Aliméntate de optimismo: porque os optimistas contribúen a cambiar a saúde mental, e económica, dun país. Non teñas temor a equivocarte: sempre hai unha goma de borrar para as liñas grosas, feas, tortas. Aquí, agora, hoxe. Inicia a novela da túa nova vida. Sempre hai unha oportunidade para ser (máis) feliz. Unha oportunidade para darlle as costas ao infortunio. Conmóvenme os que pasan unha mala tempada e son capaces de gozar cada segundo: a aire no seu rostro, unha caricia ou un abrazo, unha canción ou unha risa. Moitas veces escribo estas columnas como un exorcismo. Creo que as palabras poden desterrar os males, sacalos do adentro, expulsalos. Quizá son un iluso: un escritor desnortado que vive máis de fantasías que das realidades. Pero podes crer que cada vez que escribo esta contra intento un aquí, un agora. Hoxe pode ser o principio dun tempo novo. Poderán quitarnos o presente. Pero nunca han de poder arrebatarnos, nunca, a esperanza. Aquí.