Vémolo todo, pero realmente miramos?

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES DE CULTO

OPINIÓN

Vémolo todo. O ollo é unha máquina extraordinaria que capta o que se lle pon diante: cores, formas, distancias, cunha prodixiosa focalización instantánea que permite ver desde o máis afastado, a natureza tan contundente, pasando polas medias distancias onde empezan a aparecer os variados territorios cos seus cultivos e núcleos, ata chegar á proximidade que soe xerar desilusión para o que se achega, mentres o que vive alí tende a ser condescendente. Nese percorrido visual prodúcese a mirada. Mirar é unha mestura do consciente e do inconsciente, combinando o disfrute coa desconformidade, o hedonismo coa crítica en torno ao que estamos a ver. Mirar sempre é un desafío, o desafío de preguntarse sobre as razóns e sentimentos que flúen nas paisaxes que vemos cada día. É algo que se elabora de forma continuada e, por iso, é un lugar incerto. Pero mirar tamén é compartir cultural e socialmente esa cascada de natureza, territorios e hábitat que acabamos de percorrer coa vista. Seguramente, as paisaxes da frustración dos últimos cincuenta anos non as percibimos todos da mesma maneira. Por veces, nin sequera se ven as desfeitas que están diante dos ollos, amparándose na veneración polas paisaxes de culto que o envolven todo e o dulcifican. Estas contradicións na mirada paisaxeira teñen moito que ver con algo que discorre polo noso inconsciente: é tan inmensa a natureza, hai tantos quilómetros de costa de beleza excepcional, que pensamos que, fagamos o que fagamos, o aguanta todo. Foi tan despiadado ao longo dos séculos o talón do señorío sobre os aforados que obrigou a ollar máis ao chan e ao marco cá contorna, inhibindo a conciencia paisaxeira. Foi tanta a necesidade de desfacerse da pobreza que se rompeu o equilibrio da arquitectura inserida delicadamente, bela pero pobre. Foi tan feble a burguesía que abandonou en seguida o bo gusto dun estilo propio polos ensanches dos anos setenta. Todo isto nun país con poucas referencias gráficas, sen planos nin medidas, onde o trasacordo era unha forma de relación na que uns sempre gañaban. Esta introspección non é cousa de urbanitas cultivados. Por pouco que afondemos na nosa xenealoxía, atoparemos as raíces rurais. A pesar de todo, Galicia non é o Mediterráneo alicatado. Clima e distancia axudaron, mentres a autonomía e o municipalismo incrementaban notablemente o benestar. Cando chegaron coa democracia os discursos e as prácticas do planeamento, moi poucos políticos e Administracións creron neles, porque a clave non era tanto redactar os plans como asumir o risco de xestionalos, convertendo as liñas en espazos vivideiros. Temos un problema político e de cidadanía. Político non só no sentido convencional, senón tamén na forma de entender o público e a súa relación co privado. Cando territorializamos, cando construímos espazos e edificios, todo aquilo que non pertence á intimidade pasa a formar parte da paisaxe e, xa que logo, da percepción colectiva, para ben ou para mal. Comprendelo así non é un asunto de expertos ou de leis sucesivas, senón máis ben da mirada e da vontade para afrontalo.