Gregos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

30 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Que diría Aristóteles de todo isto? A mesma terra que pariu ao filósofo da Política e a Ética semella ter esquecido esas leccións que, outrora, a fixeron ostentar o título de berce da Civilización na mesma Europa aparvada que cre esvaecer os seus principios e finais nunha simple conxuntura económica.

Non son das que temen eses partidos chamados de esquerda radical, tan dados a aleccionarnos ao resto das esquerdas, sobre todo ás intelectuais. Será que pasei os 30 e non cheguei aos 60, e tamén que creo que a democracia é así, e xa leva décadas acollendo a mediocridade e o curtopracismo. Por iso, no mellor sentido, Syriza e Podemos serán devorados por un sistema democrático que é como é porque todos o facemos así. A Syriza, tan veloz para pactar coa ultradereita e excluír as mulleres, xa a devorou, porque o populismo que non resolve problemas, ilusiona; e despois de dous trienios de crise, a ilusión pon tiritas nas feridas, e alivia, pero non cura.

Esa Europa estupefacta co radicalismo en Grecia e en España dedícase agora a repartir culpas, quizais porque esqueceu que as esquerdas das que procede a socialdemocracia eran algo máis radicais ca Podemos. En fin, que no soño benestante, Europa non se decatou de que, paseniño, quen se movía máis á dereita era a propia dereita nun trampantollo que só cren os parvos. Por iso Aristóteles, tan racional, alucinaría ao ver que os europeos se escandalizan con Syriza mentres ven normal a presenza parlamentar do nazismo de Amencer Dourado e observan con lupa aos dirixentes de Podemos para ver se os collen en corruptelas que non inventaron eles, senón tipos de cabelo engomado.

É que xa nin os gregos len a Aristóteles.