A barba de Tutankamón

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

Gústame o Museo do Cairo, non a pesar, senón precisamente polo seu desorde de obxectos e caixas de madeira. É como se estivese permanentemente de mudanza -de feito, coma un turista, foi dando voltas por toda a cidade para acabar na praza Tahrir, onde está agora. Cando eu estiven, hai bastantes anos, avanzar a través das salas apartando os guías oficiais e extraoficiais que che piden cartos por todo, e tratando de encontrar o sentido a unha sinalética non menos impenetrable que os antigos xeroglíficos, era como a experiencia do coñecemento: confusión, sorpresa, frustración e, ocasionalmente, éxtase. O momento de éxtase chegaba para o visitante ao entrar na mítica sala 3 do segundo piso. Primeiro, porque era a única sala con aire acondicionado en todo o edificio, pero sobre todo porque alí estaba o rostro feito de ouro puro, adornado con pedras seme-preciosas, a barba ritual e os esconxuros gravados: a máscara funeraria de Tutankamón.

Precisamente circula estes días o rumor de que a esa máscara funeraria do rei-neno se lle caeu a barba ritual, e que os conservadores do museo a repararon ás presas cun pegamento industrial -fálase concretamente, non sei se en broma, de Superglue. Pode ser, aínda que o asunto está menos claro do que aparece nos medios. Eses relatos son anónimos e poderían ser malintencionados. O museo ten un novo director e o mundo da exiptoloxía é tan de complots, de faraóns todopoderosos e de escribas resentidos como era o propio mundo do Antigo Exipto.

Pero se efectivamente pasou o que se di que pasou, sobra o aire de condescendencia co que contan a historia os nosos medios. Os crimes cometidos en nome da preservación da arte son un fenómeno universal. As estatuas gregas dos nosos museos non son dun branco inmaculado porque as fixesen así os escultores da antigüidade, senón porque os conservadores dos museos do século XIX riscaron o que quedaba das cores orixinais convencidos de que era lixo. Ao David de Michelangelo destruíronlle a pátina orixinal ao darlle primeiro unha capa de cera e logo quitala con ácido clorhídrico. As pupilas dalgúns personaxes da Capela Sextina están pintadas a finais do século pasado porque a restauración borrou sen querer as auténticas. Na Cea de Emaus, de Veronese, o restaurador mesmo «operou» do nariz a unha figura de muller. Os criterios cambian, e cada xeración critica o que fixo a anterior para ser criticada pola seguinte. Na década de 1950 e 1960 quitábanse os frescos das paredes para protexelos da humidade, e hoxe moitos deles estanse facendo anacos sen remedio e ninguén sabe o que durarán. Que dicir da policromía do Pórtico da Gloria, arrincada ao facerlle os ingleses un molde en escaiola para o Victoria and Albert Museum de Londres?

Dicir que foron erros é non entender o problema. Todas as obras de arte, o mesmo que os humanos que as fan, levan programada a súa destrución. Restauralas é o equivalente á industria da cosmética e a saúde: un soño imposible de mocidade e inmortalidade. Non podemos deixar de intentalo, porque tamén estamos programados para buscar a permanencia, pero moitas veces o simple feito de intentar preservar convértese sen querer nun acto de destrución.

Por iso, dicía, gústame o Museo do Cairo. Porque é como o Cairo, e como Exipto, e como o Antigo Exipto, e como a propia exiptoloxía: tesouros esquecidos en caixas pechadas e conservadores, arqueólogos e turistas que, aínda que nos guste pensar outra cousa, non somos senón os continuadores da venerable tradición dos saqueadores de tumbas.