Preñadas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Susana Díaz e mais eu estamos agardando a que alguén lles pregunte aos nosos homes se a próxima chegada dos bebés vai afectar ao seu calendario laboral, se os obrigará a adiar ou adiantar compromisos profesionais ou se lles vai obnubilar o siso ata o punto de volvelos idiotas irresponsábeis incapaces de facer dúas cousas a un tempo. Susana Díaz e mais eu estamos algo fartas de que a nosa barriga nos preceda e que, desde que anunciamos a nosa alegría maternal, deixemos de ter ollos, cerebro e corazón para que as primeiras olladas se dirixan á parte de abaixo do noso corpo: a barriga como hipoteca, e alí máis abaixo, a culpabilidade xudeocristiá. Susana Díaz e mais eu sabemos que xa nos convertemos en modelos de roupa premamá, e que nos criticarán coma se maltratásemos nenos se nos maquillamos, se nos apertamos con roupas cinguidas, se levamos tacóns alén dos sete meses, se poñemos mechas, se pedimos unha cesárea programada, se renunciamos a unha parte da baixa maternal porque preferimos traballar. Sabemos que debemos cumprir o modelo da nai perfecta, que só viste con tecidos naturais, disposta a reducir a existencia aos horarios de dar a teta e de bordar o nome do bebé nos babeiros. Susana Díaz e mais eu sabemos das críticas de tirios e troianos, homes e mulleres, porque calquera cousa que fagamos co noso embarazo público e privado é motivo de estrañamento, porque aquí aínda non se asumiu que, para sendo nais, non queiramos renunciar ao poder. Pero podemos ser nais e poderosas porque algunhas xa fartamos de crer na maternidade como escusa para deixarlles o sitio a homes mediocres sobre os que ninguén cre que poden ser tan malos pais coma gobernantes.