Tranquilos, señores, aquí non pasa nada. Non se poñan nerviosos sen necesidade.
Se a ningún dos altos cargos do partido gobernante lle treme a voz ao asegurar que a trama Gürtel é só cuestión de dous concelleiros que xa foron castigados, e que ninguén máis era sabedor dos cartos que se movían dun ao outro lado da formación, por que teriamos que preocuparnos nós?
Non pasa nada! Que temos que coller a maleta e marchar? E que? A alguén lle preocupan as familias desestruturadas ou os nenos que non teñen nin que almorzar? A título individual si, pero como sociedade, cada un ocúpase do seu embigo.
Iso é o que nos ensinan os grandes partidos. Un e outro. Aquí non pasa nada, expertos en mirar cara outro lado. O máis importante é que a nova forza emerxente non se converta nun problema grave. Para iso si que se poñen de acordo.
Estou convencida de que volverán saír vitoriosos nas urnas, porque a moitos tampouco lles tremerán as mans ao elixir a papeleta das súas siglas. E paréceme moi ben.
Se queremos poñernos unha venda nos ollos, e non ver, pois adiante. Que imos ser gobernados por xente que asegura que non sabe o que acontece nas súas filas? Pois si. E que? Así será máis sinxelo acatar as normas de Europa e Alemaña, aos que non lles doerán as subidas de impostos, as baixadas de soldos, as facilidades nos despidos e o incremento do número de desempregados.
A Fiscalía solicita máis de cen anos de prisión, pero aquí... non pasa nada. Todos no seu asento, sen sequera responder preguntas.