Debes

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

15 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mírate menos. Non te observes tanto. En ocasións somos presidiarios do noso corpo. Se engordamos, adelgazamos, estamos enfermos, melancólicos ou plenos de euforia. Se somos felices ou infelices. Debes saír. De ti. Debes saltar as concertinas que te cercan e, clarinete, tocar unha peza de sol. Debes ser feliz sen preguntarte por qué. A felicidade reside no territorio onde non existen as preguntas. A felicidade non ten preguntas, porque ela é a única cuestión necesaria. Debes amar máis, e amarte menos (ou ao revés). Debes cantar, aínda que non estea de moda. Compartir parte da alegría que sempre queda no adentro. Partirte, se é preciso, para que non contemplen a cara oculta de ti. Debes dar alento, aínda que sexas ti quen o precises. Debes saír máis, botarte fóra. Un cárcere de ouro non deixa de ser un cárcere. Debes emocionarte, sentir e sentirte. Debes borrar o verbo deber do teu particular dicionario. Vivir en pé de paz. Despreocuparte, desatarte, desinhibirte. Agarrarte ao vals da noite con cara golfa: recitar poemas á lúa da túa pel. Aproximarte. Varrer as distancias. Iniciar un camiño cada día: porque todas as viaxes comezan cun pequeno primeiro paso. Repetir que todos os túneles acaban. Que hai un final feliz na pantalla do cine da túa vida. Esvarar polos días como néboa levantada, difuminada nun ceo azul turquesa. Debes saltar as concertinas que te cercan. Cambiar os malos pasados: porque as cousas non son como as vemos, senón como as recordamos (Valle-Inclán). Esquecer que esta columna leva este título: porque non debes nada. Nada. Só un leve sorriso cando chegues ao final desta contra de xoves: media laranxa de xaneiro. Quince días do ano quince. Debes ser feliz.