A lei dos mercados


A miña amiga decatouse dos primeiros síntomas cando unha mañá sentiu que se lle ía a cabeza e empezou a trousar sangue. Diagnosticáronlle unha hepatite que daquela non era nin A nin B, e que agora está identificada. Van case dez anos dende entón. Durante ese tempo, a súa existencia transformouse nunha loita desesperada por sobrevivir, case sen pensar noutra cousa, con longos tratamentos de quimioterapia que a deixaban desfeita, graves efectos secundarios na familia, e cun horizonte de curación que ía pouco máis alá do 30 %. Onte estaba en Madrid, manifestándose.

Un segundo caso do que podo falar con coñecemento directo xa non está entre nós. Era un profesional da medicina. Infectouse do virus seguramente por unha mala práctica nos quirófanos cando aínda non cumprira 30 anos. Canto xa tiña 50, con muller e fillos, a enfermidade, que estaba durmida, rexurdiu cunha forza insospeitada. O tratamento, coma no caso anterior, deixábao desfeito. Era impresionante. Unha quimioterapia salvaxe e, como no caso anterior, tamén sen un horizonte claro. Cirrose. Cáncer de fígado. Non se recuperou.

Cando falamos destas cousas podemos facelo de dúas maneiras: dende as macrocifras (como na economía) ou dende a experiencia directa, que é a carne do problema. Só cando vivimos a experiencia próxima, ben en nós, ben en persoas queridas, decatámonos da significación do drama. Sucede o mesmo co paro: estatísticas frías e, coma todas as estatísticas, manipulables, ata que entramos no universo das familias e lle poñemos cara e ollos, nomes e circunstancias concretas aos afectados.

O que se está discutindo (e evidenciando) estes días na reacción social de varias decenas de miles de persoas en España (3.000 afectados nas fases máis extremas en Galicia) que reclaman a atención da Sanidade pública, non é tanto a gravidade e os custos do tratamento da enfermidade, un novo tratamento que, ¡milagre da ciencia!, elimina practicamente os afectos secundarios e presenta máis do 95 % de posibilidades de curación, coma o gran tinglado do negocio global da industria do capital farmacéutico e a impotencia dos gobernos que nos administran. O Estado do benestar, que tiña na sanidade e na educación os seus máis sólidos alicerces, está a ser aceleradamente desmantelado a prol dos intereses do que xa algúns denominan o cosmofeudalismo: a ditadura das grandes corporacións transnacionais que impoñen os seus intereses por riba dos máis elementais principios humanitarios.

Sucedeu coa vacina da malaria no Terceiro Mundo, e mesmo co ébola. A sanidade publica non é de balde, como afirman algúns. Pagámola entre todos. Pero na preocupación dos consellos de administración das grandes compañías que financian os proxectos de investigación e controlan os mercados, non está a saúde nin o ben común, manda o negocio: a conta de resultados, cun Estado cada vez máis entregado. É modelo que se nos impón, que neste caso atinxe á saúde, máis que tamén podemos detectar noutros ámbitos, dende a administración dos recursos enerxéticos ás novas tecnoloxías.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos
Tags

A lei dos mercados