En xaneiro de 1976, un mes despois de formar Goberno, o presidente Arias queixábase ao ministro de Información, Adolfo Martín Gamero, de que «a prensa está desmadrada e ataca ao Goberno». A prensa irrita a Arias cando critica os seus discursos e o ton en que os di; cando fala da decepción dos círculos reformistas e denuncia a falta de sintonía do presidente co rei. Sen embargo, o perigo para os medios de comunicación xa non estaría na apertura de posibles expedientes, senón nos ataques dos grupos terroristas, entre 1977 e o 2008.
Antes, o 14 de febreiro de 1976, o semanario Doblón publicou unha información sobre os traslados de mandos da Garda Civil non comprometidos co búnker, e o director, José Antonio Martínez Soler, ademais de ser procesado pola Xustiza militar, acusado de sedición, foi secuestrado por un grupo de extrema dereita, que o torturou para que revelase as súas fontes. En 1977 a ultradereita atentaría con bombas contra a revista El Papus, causando un morto e dezasete feridos; e contra El País, en 1978, co resultado dun morto e dous feridos. Despois, virían anos de ameazas e extorsións de ETA, Grapo, Triple A, etcétera, nos que ningún medio, nin profesional, puido sentirse seguro.