Problema de valores

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

05 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das recentes análises complementarias do último Informe PISA (2012), insiste en que os alumnos españois de 15 anos dedican máis horas aos deberes escolares que os da maioría dos países da OCDE. Sen embargo, obteñen moito peores resultados académicos que os rapaces de Finlandia ou Corea do Sur, onde se dedica ben menos tempo a estudar na casa. A principal razón desta aparente contradición atópase, segundo dito estudo, en que hai máis igualdade e un nivel cultural medio máis alto nas familias deses países. E repítense, sobre todo a nivel político, os argumentos da falta de cartos para o noso sistema educativo ou do elevado número de alumnos por aula, por citar so dúas variables. É certo que o nivel socio-cultural das familias é un clásico indicador do éxito escolar, pero hai xa traballos que demostran que unha preocupación e apoio constante aos fillos por parte duns pais con baixa preparación, pode ser máis eficaz que o abandono ou mesmo a excesiva protección, xa xeneralizada nos de maior categoría cultural. A nivel económico, a media de gasto por alumno en España non deixou de medrar nas últimas décadas, estando xa próxima á da OCDE. Sen embargo, como dato curioso, non ven correlacionando positivamente cos resultados académicos. Canto á ratio profesor/alumnos, estamos nun nivel similar en primaria e mesmo inferior en secundaria.

O noso fracaso escolar non é, polo tanto, un problema de cartos ou de nivel cultural, senón un problema de carencia de valores. De tres, por exemplo: autoridade, responsabilidade e apoio e respecto aos mestres. E aquí vense ás leguas as diferenzas cos dous países citados. Neles os pais e os profesores razoan as normas e os límites e os fillos, os alumnos, cúmprenas sen que se acuse a ninguén de autoritario. Estes fan un uso moi restrinxido das novas tecnoloxías como ocio, dedicándolle pouco tempo á televisión ou aos videoxogos. Pasan a metade de horas que en España facendo os deberes, pero a concentración nesta tarefa é máxima, contando ademais cuns hábitos de lectura e de traballo intelectual que fan máis rendible esta actividade. Chama a atención que tres de cada catro rapaces finlandeses lean todos os días por pracer. É certo que hai grandes diferenzas entre as sociedades de Finlandia, Corea e España, non sendo plenamente extrapolables os seus sistemas educativos. Pero hai algunha característica que debe ser obxectivo prioritario para nós: recuperar o apoio da familia aos mestres e o prestixio destes; conseguir que os pais se sintan os verdadeiros responsables da educación dos fillos e avanzar nunha mentalidade de disciplina e sacrificio, fronte á lei do mínimo esforzo e do pelotazo. Precísase, para conseguilo, dun grande cambio social, pero tamén dun acordo político xeral que traia, en primeiro lugar, estabilidade lexislativa.