Luminoso 2015

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 12:01 h.

O ano 2015 foi declarado pola Unesco como ano internacional da luz. Foi moi difícil na historia da física explicar ese fenómeno tan común, comezando pola súa velocidade de propagación. Foi o danés Ole Roemer o primeiro en calculala en 1676 (observando os satélites de Xúpiter) e ademais acercouse bastante ao valor real: obtivo 220.000 km por segundo (en realidade é de 300.000 km por segundo, uns mil millóns de km/h). Hai séculos que se soubo que é unha perturbación oscilante, pero non foi ata 1865 cando o gran Maxwell se decatou de que esa perturbación era de natureza eléctrica e magnética (en 2015 celebrámo-lo 150 aniversario disto). Comprendeu que a luz que vemos non é máis que as ondas electromagnéticas que caen dentro da pequena franxa de frecuencias que os nosos ollos poden sintonizar. Agora ben, unha onda nun lago propágase pola auga, o son polo aire... ¿e a luz? Albert Einstein deu a sorpresa en 1905: a luz non precisa medio para se propagar, algo que en certo modo escapa á lóxica. O baleiro pasaba a ser o estado dunha rexión do espazo-tempo na que non haxa materia nin ondas electromagnéticas. Nese mesmo ano sorprendeu ao dicir que a luz, aparte de ser unha onda, transporta enerxía a golpiños e pode incluso golpear á materia. En 1915, o mesmo Einstein descubriu como eran os camiños seguidos pola luz no espazo-tempo. Este 2015 será tamén o centenario da súa Teoría Xeral da Relatividade.