Vidas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

¿O nde cabe unha vida? Ás veces nunha película. Hai grandes filmes de vidas anónimas e, polo xeral, a realidade sempre supera á ficción. Tamén nun libro, unha biografía. E todo sabe a pouco cando falamos das vidas cotiás, das de cada un. Unha vida son moitas películas, cancións, libros, fotografías, cadros, imaxes, bicos, palabras, viaxes, feitos, desfeitas... Caixas de recordos.

Caixas. Caixas de mudanza onde unha vai partindo en anaquiños a súa vida, para non recuperala xamais. Nunca se desfai unha mudanza de todo, porque polo camiño, sempre se perden cousas. Aquel papel que levaba anos gardado e que acabamos por tirar porque daba máis traballo trasladalo. O mesmo con aqueloutra entrada do cine. Bolsas que trouxeron agasallos. Botes. Adornos.

Pequeneces.

As pequeneces de cada vida. Os grandes anacos. Os que están presentes sempre, na memoria, indelebles. Xustamente eses que, cando pechas os ollos, podes velos. Caixas, e caixas. Caixas de recordos, tamén dentro de un. E por un instante aparecen os momentos máis inexplicables, eses que levaban adurmiñados media vida pero espertan de súpeto para durar a outra media. Nas caixas-vida xamais terei espazo suficiente para os libros. E non podo evitar sorrir. Tamén para as cartas, que gardo coma tesouros.

¿Que agocharán as vidas de cada un dos que me arrodean? Case non sei o que gardo na miña... nin tampouco que agarda na nova porta por abrir. Por iso, para os que neste 2015 comecedes algo, feliz ano. Por suposto, para os demais, tamén.