Non somos inocentes

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O titulo desta marea vén dado pola data do calendario, mais tamén por aquel libro que en 1990 publicou en Xerais o xa entón ex vicepresidente da Xunta, Carlos Mella, libro no que con humor, altas doses de retranca e fina intelixencia o autor facía reconto dos seus anos de experiencia no Goberno e no Parlamento de Galicia, a década dos 80 sobre todo. Era un tempo de entusiasmo, relativo entusiasmo se se quere, pero bastante máis do que temos agora. Tamén de moitas inxenuidades por parte da oposición, ese punto de adolescencia política que en tantos aspectos aínda non demos superado. A autonomía entraba en proceso de construción, e con ela as institucións todas, sobre as que (para ben, para mal e para regular) desenvolvimos a realidade social do país nos últimos 35 anos. O que temos sementámolo daquela entre todos.

Non eramos inocentes. Nin entón nin agora. En 1992 Carlos Mella publicou outro libro, A Galicia posible, que aínda hoxe merece unha lectura, igual que El pensamiento salvaje. A vueltas con el economicismo, do mesmo autor (Editorial Edizer, 2012). Instalados en plena crise e con todas as alarmas disparadas, fáltanos a autocrítica necesaria para afrontar o futuro. ¿Que nos está a pasar? ¿Por que estamos como estamos? ¿Onde cometemos os erros que nos tollen? ¿U-lo proxecto de país, tan necesario? A situación da lingua, que estes días está a ser motivo de análise, non é máis ca un síntoma da situación xeral: na economía, na demografía, na administración de recursos, na organización do territorio, na xestión do capital humano? Non se albisca unha estratexia para afrontar o futuro. Isto é o máis preocupante, por máis que nos obstinemos en repetir discursos e anuncios oficiais que a case ninguén convencen. A xente (a sociedade) así o percibe. ¿Cómo debuxar un horizonte ilusionante nestas condicións? A táctica dos partidos dominantes segue sendo a mesma: a culpa é sempre dos outros. ¿De verdade estamos tan cegos como para non ver máis aló?

Os meus amigos lectores pídenme un pulo de optimismo que non son quen de apuntar. ¿Que podemos agardar para os próximos doce meses? ¿Máis do mesmo? A parábola da camelia, que tantas veces teño evocado, chapodada ao límite e a destempo ata matala, porque nin folliñas para respirar lle deixamos, é unha realidade obxectiva. A burra do conto segue traballando, por inercia, a cada día que pasa con menos herba para comer. Acabará afacéndose, mais o final da historia é sabido. Esta marea quixera ser unha aposta polo cambio. Pero non vemos que as cousas apunten noutra dirección.

A cea de Nadal foi difícil nas familias. Non hai máis ca ollar arredor. Os fillos vivindo dos pais, cando non os irmáns dos seus irmáns, moitos deles buscando a vida fóra, coma nos anos 60. Falo da xente do común, as clases medias e os traballadores, que son as que terman do país, non as clases dominantes (a casta, como din agora) que mesmo parecen instaladas noutro mundo. Irremediablemente volvín ao vello texto de Mella. Non somos inocentes. Ningún de nós. Deberiamos empezar por aquí.