Xitanos e persoas

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

27 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

H ai uns anos fixérase célebre un titular que falaba de «Vinte persoas e un francés», para alegría do orgullo nacional naqueles tempos nos que percorrían Europa as imaxes dos veciños galos envorcando os camións españois cargados de fresas. A versión actual deste titular ten un lamentable sabor de Nadal. Na sucursal coruñesa dunha ONG figura un cartel sobre o horario de reparto de roupa que semella un chiste: «Martes: personas en general. Jueves: gitanos». Non é por meter o dedo na ferida, pois os responsables de Cáritas xa se escandalizaron debidamente, pero a min o que máis me sorprende de toda esta historia é que ese papel leve quince anos pendurándose e ata agora debía de parecer o máis normal do mundo. É coma se durante década e media o exercicio da caridade tivese, en realidade, esa dobre perspectiva tan de noso: por un lado xa me ves e por outro ben me entendes. Fai o ben e non mires a quen, pero en días distintos, por non mesturar. ¿Cal pode ser o motivo que leva a Cáritas na Coruña, durante quince anos, a separar os xitanos do resto de persoas necesitadas no reparto de roupa? ¿Por que os xitanos non se podían mesturar co resto? ¿Demandarían estilos de vestir distintos? ¿De que hai que protexer á poboación cando hai xitanos diante? Ás veces, o concepto de caridade que se manexa por aquí semella máis un pecado ca unha virtude: queremos ostentar esa bondade ante a comunidade exercendo a caridade, mais sen que a caridade afecte demasiado ás nosas conviccións clasistas sobre o mundo; non vaia ser que, entendendo que somos iguais, descubramos ese lado xitano que todos temos e que a moitos tanto os avergoña.