Nadal tranquilo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Non pido moito nestas datas. Apenas excesos ou caprichos, ningún para min. Nin sequera merquei turrón. O que si, pasalas coa xente que quero, na medida do posible, que tampouco responde totalmente aos desexos. Por iso, por favor, déixenme ter un Nadal tranquilo.

Estou cansa de que boten a culpa do desaguisado do país ao pobo, que soporta como pode o paro, os recortes en sanidade, políticas sociais, educación, cultura... Ese mesmo que paga os impostos, e que ve pasar por diante súa os privilexios aos máis poderosos. Eses aos que nos poden cortar a luz cando non teñan como pagala, sen previo aviso sequera. O meu voto sempre é secreto. E merece todo o respecto do mundo. Non vou desvelar as miñas intencións, aínda non sei a quen apoiarei, pero os dous grandes partidos me teñen moi descontenta. E coma a min, a unha inmensidade.

É por iso polo que Podemos ten forza. Quen goberna e fai oposición non ofrecen o que buscamos. !Ambos! O PSOE pode desmarcarse de certas prácticas habituais que desgustan á sociedade e tampouco o fai, votando a favor de manter as regalías. Así que non acusen a xente de que non os queiran votar. Non se esforcen tanto en desacreditar as novas voces na política e ocúpense de prestixiar as súas filas. Déixenme tranquila. Que votarei o que crea máis conveniente, e ninguén ten dereito a criticarme ou chamarme inepta. Ineptos son os que só ven o lixo no ollo alleo, non no propio.