A culpa é do galego, por existir

María Pilar García Negro < / span>

OPINIÓN

21 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A intensificación de falsías de groso calibre verbo da lingua galega está chegando a limites dificilmente superábeis. A realidade empírica xa é dato abondo alarmante do retroceso de uso do galego, por un proceso de españolización elefantiásico que non ten nada de natural e si ten todo de imposto á mantenta, por mil vías e coa servil cumplicidade das autoridades galegas que deberan defendelo, e que existen, entre outras realidades específicas, mesmamente porque existe a lingua galega. Os números facilitados polo Instituto Galego de Estatística obrigaron a gobernantes, representantes institucionais e opinantes varios a se pronunciaren ao respeito. Facer comentario de texto destas declaracións sobardaría o espazo deste artigo e tampouco tería máis valor que o de constatar como o tema do galego sobra, isto é, como o desexábel é que non se turbe a pax romana, ou sexa, a que garante a hexemonía omnímoda do español e a que coloca o galego na crítica situación de sobrevivencia apurada na súa terra e na súa sociedade, nunha perenne carreira de obstáculos para poder ser usado con normalidade, a normalidade que non se discute nunca para o idioma oficial do Estado.

Só me vou referir a dous aspectos reveladores da inversión brutal da realidade que realizan algunhas análises lidas e ouvidas. En primeiro lugar, a suspensión da responsabilidade dos poderes públicos, como se a deriva negativa do galego se debese á propria sociedade. Se así fose, ¿a conto de que se declara o galego a «lingua propia» da Galiza no Estatuto de 1981, se promulga unha Lei de Normalización Lingüística en 1983, se fundan unha radio e unha televisión públicas en 1984 ou se destinan fondos para «potenciar», «fomentar» ou «promover» o galego?

Que estes fondos se usasen con prevaricación flagrante para destinos que non teñen nada a ver coa normalización do seu uso é elocuente de como a política oficial obrou a prol do reforzo do español e en detrimento do galego.