18 de decembro

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Polos días que veñen, aínda que tamén estean pintados de cor violeta e nostalxia e melancolía que rabuña, adentro, onde todas as palabras teñen final. Pero a pesar de todo, felicidades. Pola vida que vives, pola respiración que perdura, pola mañá clara e a chuvia e os soles. Polas nubes que non nos permitiron ver as estrelas (namorados das nubes, tantas veces). Felicidades polos nenos e nenas, que son os únicos que comprenden con certeza que a imaxinación importa en ocasións máis que a realidade. Polo Nadal e o aninovo, que no 2014 rima con xoves, ou sexa, contigo: cómplice deste contraportada. Felicidades pola risa e polos soños felices. Por Bob Dylan e as rancheras que cantas, canto, viaxando no túnel da soidade. Por saber vivir e desvivir. Por amar e ser amado. Por querer querer, aínda que moitas veces un non saiba nin quererse a si mesmo. Por vencer o medo e o desespero. Por saber que o medo ao medo é a peor covardía. Felicidades por todos os poetas que miran o pasado para reescribilo, redactalo esta vez con plumas de faisán e reiseñor: luminoso. Polas mans amigas e as miradas secretas e as voces en silencio: esas que murmuran versos e baladas (ya no cierro los bares ni hago tantos excesos, cada vez son más tristes las canciones de amor). Polo mercurio dos ollos, en rebelión contra a frivolidade e os frívolos: palabra que procede de frío. Felicidades por acompañarte e acompañarme, por non entender o adverbio non, por insistir, por continuar camiñando a Ítaca. E se o anterior non abondase, escribo felicidades porque prefiro a alegría, a luz antes que as sombras, a aventura en lugar da desventura. Felicidades, a 18 de decembro. Pola mañá e a chuvia e os soles.